Skip to main content

Rueda destaca que a Xunta garante o equilibrio entre a protección da natureza e a actividade económica a través da Lei do Clima e a Lei do Litoral

Apelou a colaboración do conxunto da sociedade -cidadáns, empresas e administracións- para avanzar cara un futuro máis sostible e asegurou que é posible conseguilo sen renunciar á prosperidade económica.

Como exemplo, o titular da Xunta resaltou a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral que ten como principal obxectivo garantir o pleno equilibro entre a conservación da costa e as actividades socioeconómicas presentes en territorio marítimo. Ademais, a normativa ofrece garantías xurídicas ás 4.000 edificacións -empresas, vivendas, centros de saúde ou centros educativos- presentes na costa galega e que poñía en risco a actual lexislación estatal. A este respecto, o presidente resaltou a sustentabilidade como responsabilidade de todos os departamentos autonómicos galegos.

Galicia, á vangarda na loita contra o cambio climático

Na súa participación neste foro sobre sustentabilidade, Rueda resaltou o traballo realizado desde hai anos a prol dunha comunidade máis verde e sostible que sitúan a Galicia á vangarda na loita contra o cambio climático.

Nesta liña, resaltou que Galicia vai contar coa súa primeira Lei do clima para reforzar todas as medidas adoptadas ata agora. O obxectivo é blindar por lei a loita contra o cambio climático para fixar que todas as medidas que adopte a Administración autonómica teñan en conta a súa pegada no medio ambiente para optar pola vía máis sostible así como darlle rango legal a un dos compromisos da Xunta: acadar a neutralidade climática en Galicia. Rueda asegurou que esta Lei vai poñer “negro sobre branco” e advertiu que “non hai escusa para non cumprir”.

Hai que lembrar que o anteproxecto de Lei do clima abriuse a información pública este verán e na actualidade estanse analizando todas as suxestións e alegacións presentadas para enriquecer o documento.

A futura normativa enmárcase na folla de ruta que sigue o Goberno autonómico desde hai anos a prol de protexer o medio ambiente e avanzar cara unha Galicia máis sostible coma Alianza Galega polo Clima á que xa pertencen 77 organismos -entre empresas, universidades ou entidades-, o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía -ao que xa están adheridos o 91% dos concellos galegos (285)-, a nova Estratexia de Economía Circular do Sergas, o fomento da mobilidade sostible- con sendas peonís e descontos no transporte público- ou o apoio ao tecido empresarial durante a dobre transición dixital e enerxética pola que atravesa.

Rueda incidiu na importancia de marcar uns obxectivos “con sentidiño”, en referencia a “planificar cara ao futuro” e “intentar rectificar erros” nesta materia. O presidente falou dos avances de Galicia coas enerxías renovables, situando a comunidade galega como exemplo de referente cara a un “futuro verde”. Neste sendo, salientou o dato de que o 70% de enerxía que se consume en Galicia xa procede de enerxías renovables e “queremos seguir”.

Para concluír, o titular da Xunta sinalou os avances en infraestruturas e mobilidade e recalcou que se fará “todo o posible” por que o servizo por ferrocarril sexa “unha estrutura de futuro”. No ámbito turístico, resaltou a aposta de Galicia polo respecto ao medio e a conservación e protección das zonas aínda non masificadas. Finalmente, ante todos estes retos, amosouse esperanzado de que se está “ante un proceso lento, pero imparable”.
R.