Skip to main content

O ciclo Cultura No Camiño encara a súa recta final con máis de 70 actuacións artísticas ata primeiros de setembro

A través de Cultura no Camiño, contribuíuse á contratación neste verán de 150 formacións galegas, entre compañías de teatro, danza e novo circo, grupos de música e profesionais da maxia e mais da narración oral. Este programa artístico forma parte, á súa vez, da axenda global de máis de 2500 eventos que a Xunta de Galicia galego está a impulsar este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.

Máis de 30 concertos

Nestas tres últimas semanas de programación, desde hoxe e ata o 3 de setembro, Cultura no Camiño percorerrá 45 dos 88 concellos participantes, coa música como gran protagonista. Así, para esta recta final programáronse 33 citas musicais como as que ofrecerán hoxe mesmo Iria Estévez ás 20,00 h. na praza do Camiño de Portomarín, Os Monifantes á mesma hora na praia fluvial de San Clodio de Ribas de Sil e a Gallaecia Big Band ás 23,00 h. na praza de España de Monforte de Lemos.

Deste cómputo xeral referente á música, cómpre salientar que sete dos concertos están destinadas ao público infantil, como o devandito de Os Monifantes ou os de Pakolas e Uxía Lambona e a Banda Molona, que tocarán en Trabada mañá e o mércores, respectivamente.

O cartel musical conta, así mesmo, con nomes como Festicultores Troupe, que estará mañá en Vilagarcía de Arousa; Habelas Hainas, que tocará en Negreira o día 19; The Lákazans, que subirá ao escenario en Rianxo tamén o 19, ou A Banda da Loba, en Allariz o domingo 20.

Outras citas destacadas serán o concerto de Uxía, Germán Díaz e Sergio Tannus en Carral o vindeiro 27 de agosto e a actuación o 31 de agosto en Arzúa da banda De Ninghures, grupo participante na primeira edición da aceleradora musical da Xunta para novos talentos da nosa música.

Artes escénicas

As 40 actuacións restantes de Cultura no Camiño corresponden ás disciplinas escénicas de novo circo, maxia e narración oral. No primeiro destes xéneros, figuran compañías como Su.Ma (Melide, 16 de agosto), AsSircópatas (Boiro, 17 de agosto), Circo Chosco (Vilaboa, 19 de agosto) ou Kote Malabar (O Pino, 31 de agosto).

A maxia estará representada, entre outros, polo Mago Teto, que actuará en Melide (17 de agosto), Meaño (19 de agosto) e Castroverde (20 de agosto), Dani García, que presentará o seu espectáculo Tin en Fene (27 de agosto) ou o Mago Rafa, que recalará en Monterroso o 20 de agosto.

No ámbito teatral, destacan nomes como Medievándalos, que levará a peza A cabeleira a Dozón o venres 18; Expresión Produccións, que representará en Ribas de Sil o sábado 19 Conto contigo, ou Píscore, que ofrecerá a súa montaxe Molto barroco en Oroso o día 30; mentres que a narración oral estará presente nesta 11ª edición do ciclo da man de Vero Rilo (Baños de Molgas, 18 de agosto), Ángeles Goás (Ribas de Sil, 20 de agosto), Fran Rei (Sandiás, día 25) ou Avelino González (Ribadumia, día 26).
R.