Skip to main content

A Rede Galega de Praias Sen Fume conta xa con 224 areais libres de tabaco, tras incluír 10 máis

Carmen Durán sinalou que o Programa Praias sen Fume botou a andar no ano 2016, “sendo Galicia a primeira comunidade que puxo en marcha un proxecto deste tipo”. Os seus obxectivos inciden na promoción dunha vida sen tabaco, a desnormalización do seu consumo na sociedade e o respecto e o coidado das praias e do medio ambiente.

A directora xeral amosouse moi contenta cos resultados e confía en que “nos acheguen ao obxectivo da Xunta de reducir no 2027 a incidencia do consumo do tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% e nos adolescentes por baixo do 5%”.

A finais do pasado mes de maio a Xunta de Galicia presentou o Plan Inspira Saúde con medidas multidisciplinares para diminuír o consumo de tabaco, e Carmen Durán dixo que o Executivo galego traballa na creación dunha rede de apoio á cesación tabáquica, “co seguimento dos nosos profesionais especialistas en tabaquismo a través da plataforma tecnolóxica TELEA”. Este plan tamén tratará ao mesmo nivel que o tabaco convencional os dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos.

Inspira Saúde, -remarcou a directora-, “supón continuar coas liñas que xa estabamos a aplicar. Así, coa vontade de ampliar os espazos libres de tabaco, en xaneiro creamos a Rede galega de Parques sen Fume, coa incorporación dos primeiros 18 concellos”.

Na súa intervención, Carmen Durán deu as grazas ao Concello de Cabanas, así como a todos os que forman parte da Rede de Praias sen Fume, “por axudarnos a reducir o impacto do tabaco nos nosos areais”.
R.