Skip to main content

Presentada en Vilanova de Arousa a segunda edición do Festivalle, que comeza o 10 de xullo e contará coa estrea do último espectáculo de 'El Brujo'

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da segunda edición do Festivalle, unha cita da que resaltou a súa capacidade para seguir trasladando a novos públicos a obra do autor, “ao tempo que se consolida como un dos eventos culturais de referencia do verán en Galicia polo seu prestixio dramatúrxico contemporáneo”.

Neste sentido, referiuse a que o festival pon o foco no teatro e suma actividades de rúa, como unha ruta turístico-cultural ou exposicións para achegarse a máis persoas. “O feito de que sexa un festival monográfico axuda a proxectar aínda máis a obra de Valle-Inclán ao igual que a gran calidade artística das propostas. Unha combinación que, un ano máis, xerará un efecto tractor a Vilanova de Arousa”, expresou.

Román Rodríguez felicitou ao seu director, José Luis Méndez Romeu, e á Asociación de Amigos de Valle-Inclán pola súa iniciativa. “Non hai un festival en toda España que se entregue tanto e tan ben ao legado de Valle-Inclán, que segue sendo fonte inesgotable de inspiración para xeracións enteiras de dramaturgos”, indicou. Por iso, animou a participar das actividades que darán comezo o vindeiro 10 de xullo.

Ata o 15 de xullo

O festival conta co apoio da Xunta de Galicia e intégrase nas máis de 2.500 propostas culturais impulsadas polo Goberno autonómico este verán na súa programación co lema A cultura de Galicia é un culturON. Desenvolverase ata o 15 de xullo en Vilanova de Arousa e incluirá seis producións teatrais. Así, o luns 10 representarase Don Ramón del Valle-Inclán, un monólogo de Pedro Casablanc, acompañado do pianista, baseado no texto de Gómez de la Serna, espectáculo estreado no Teatro Español de Madrid.

O martes 11 será a quenda de Morfeo Teatro conLos cuernos de Don Friolera; o mércores 12 de El alma de Valle-Inclán, a cargo de Rafael Álvarez El Brujo quen, o xoves 13, presentará no festival La lámpara maravillosa, a estrea absoluta desta edición. O venres 14, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofrecerá a súa representación de A cabeza do Bautista, e o sábado, como remate da programación, a compañía El callejón del Gato deleitará ao público infantil con La cabeza del dragón.

Ademais de teatro, tamén se programará unha exposición de debuxos de Siro López sobre personaxes de Valle-Inclán e está previsto lanzar unha nova edición do curso académico xa celebrado na primeira edición arredor da súa obra. Así mesmo, retomarase a ruta turístico-cultural A xeografía de Valle-Inclán, que en 2022 percorreu lugares relacionados coa vida do autor ou citados nas súas obras.
R.