Skip to main content

Presentada a quinta edición do Festival Underfest en Vigo, consolidado como referente do outono musical en Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este martes a quinta edición do Festival Underfest SON Estrella Galicia que chega de novo ás salas vigueses entre o 22 e o 24 de setembro como “referencia do outono musical galego”. A promotora Sweet Nocturna volve contar co patrocinio da Xunta a través da marca FEST Galicia, ademais de recibir axuda por medio da convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a festivais profesionais de música.

“Estamos ante unha cita que xa se consolidou na cidade e que se converteu no escenario perfecto para a música urbana, cun formato diferente e moi coidado”, sinalou a representante autonómica durante o acto de presentación do evento. Os escenarios escollidos nesta ocasión para este festival cun total de 18 artistas son o Auditorio Mar de Vigo, o Museo MARCO, a Sala Kominsky, La Iguana, Mogambo, Radar, Reserva e Masterclub.

O británico Michael Kiwanuka, recoñecido como unha das mellores voces do soul actual e encomiado por prensa e público, encabeza o cartel desta edición. Segundo explicou David Lago, de Sweet Nocturna, trátase dun dos artistas máis solicitados polos festivais máis importantes de medio mundo e fará a súa estrea en Galicia dentro do festival vigués.

Ademais, existirán interesantes propostas como a dos belgas Goose, o londinense PM Warson, a espectacular cantante americana Sarah McCoy ou os suecos Diamond Dogs. No cartel tamén figurarán artistas nacionais de referencia nos seus respectivos estilos como Hidrogenesse ou Doutor Explosión.

E como sempre dentro do festival haberá espazo para novos artistas en plena ebulición como Judeline e por suposto propostas que representarán o mellor talento galego. Ademais, a oferta do festival complétase dando espazo e visibilidade a campos como a ilustración e o deseño gráfico musical.

Así, o Underfest traerá ata Vigo a exposición interactiva “Error! Design, 20 years of music artwork”, con máis de 30 pezas do artista catalán Xavi Forné. A mostra reunirá unha interesante colección de cartelismo musical, onde se repasan os seus máis de 20 anos de carreira. A exposición inaugurarase este mércores 21 de setembro (20:00h) e contará con música en directo.

Na presentación tamén participaron Cristina Canosa, representante de Estrella Galicia, e Pablo Estévez, polo Concello de Vigo. Seleccionado dentro do conxunto de festivais estratéxicos da Xunta que compoñen Fest Galicia, o Underfest SON Estrella Galicia é un festival realizado en Vigo que forma parte deste grupo que aglutina aos principais festivais que se celebran na nosa comunidade.
R.