Skip to main content

'Faraón. Rei de Exipto' convértese na mostra máis concorrida do Museo Gaiás con máis de 76.000 visitantes

Esta escolma de 140 pezas procedentes das coleccións do Antigo Exipto e Sudán do prestixioso museo británica puido verse por vez primeira en Galicia. A exposición exhibiu na Cidade da Cultura pezas con máis de 3.000 anos de historia nun percorrido didáctico e divulgativo sobre o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo e as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización.

Tras terse exposto en cidades como Madrid ou Barcelona, Faraón. Rei de Exipto abriu as súas portas o pasado 27 de marzo no Museo Centro Gaiás batendo marcas de asistencia xa desde as primeiras semanas, con picos que superaron as 3.000 persoas visitantes diarias coincidindo coa Semana Santa e con máis de 20.000 visitantes só no seu primeiro mes de apertura.

Neste sentido, a Cidade da Cultura quixo agradecer a responsabilidade e colaboración que demostraron as persoas visitantes do Museo, no cumprimento e respecto de todas as medidas sanitarias que motivaron que, en determinados días de moita afluencia, houbese momentos de agarda para poder acceder á sala de exposicións.

Programa de actividades

Durante os catro meses e medio que puido visitarse Faraón. Rei de Exipto, a Cidade da Cultura despregou un programa gratuíto de visitas comentadas, previa reserva, para os visitantes que o desexasen, no que, pese ás limitacións de capacidade aos grupos de visita impostos pola pandemia da covid-19 participaron un total de 2.150 persoas.

Destacan tamén as cifras do intenso programa didáctico con visitas a través de videoconferencia que desenvolveu o equipo de guías do Museo Centro Gaiás. Destinadas a alumnado de segundo e terceiro ciclo de primaria, ESO, Bacharelato e centros formativos, a iniciativa tivo unha excepcional acollida por parte dos centros de ensino, coa participación dun total de 5.079 alumnos e alumnas, procedentes de 121 centros de ensino das catro provincias galegas e ata 133 visitas realizadas entre o 13 de abril e o 18 de xuño deste ano.

A exposición contou tamén un variado programa de actividades ao redor dos contidos da mostra, con faladoiros sobre arqueoloxía, conferencias, visitas en liña e xincanas de enigmas en formato escape room destinadas a público familiar.

Outras exposicións

Tras o peche de Faraón. Rei de Exipto, o Museo Centro Gaiás continúa co seu programa expositivo con dúas mostras que poden verse actualmente nas súas instalacións: Os brancos segredos do seu ventre –que pode visitarse ata o 5 de setembro– e Galicia futura –ata o 9 de xaneiro de 2022–. Ambas contan con entrada de balde e un programa de visitas comentadas, tamén de balde con reserva previa a través da web da Cidade da Cultura. Están abertas ao público de martes a domingo con horario ininterrompido de 10 a 20 horas.
R.