Skip to main content

Sanidade esixirá unha proba diagnóstica negativa ou o certificado de vacinación completo para acceder aos locais de ocio nocturno nos concellos de nivel medio

Nesta liña, García Comesaña salientou que a Xunta pechará os espazos onde habitualmente se celebran botellóns -parques, praias, prazas, etc-, entre as 00:00h e as 6:00h. Así, lembrou que este tipo de xuntanzas están prohibidas, solicitando a colaboración da xente moza, e apelando a súa responsabilidade individual.

Entre as decisións acordadas polo comité clínico, o conselleiro tamén puxo de relevo a intensificación na realización de cribados entre a poboación con idades comprendidas entre os 19 e os 35 anos. Así, avanzou que o departamento sanitario xa está a ultimar unha nova modalidade voluntaria de cribado, mediante a que se poderá solicitar a realización dunha proba PCR, sen necesidade de ter unha cita previa.

O responsable de Sanidade, lamentou que “o nivel de adherencia aos cribados nesta franxa de idade é francamente baixo”, convidando aos mozos e mozas galegas que acudan as súas citas, para conseguir atallar a expansión do virus.
O conselleiro de Sanidade anunciou tamén que xa está dispoñible o sistema de autocita para vacinarse, destinado, inicialmente, ao estudantado Erasmus e ás persoas maiores de 50 anos. Sobre este particular, abundou García Comesaña, un total de 671 estudantes Erasmus, e 810 persoas maiores de 50 anos, xa solicitaron a súa cita para vacinarse da covid-19.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que a situación epidemiolóxica de Galicia está a experimentar un incremento tanto na súa incidencia acumulada como na súa taxa de positividade. Así, explicou que a incidencia a 7 días en Galicia é de 62 casos (polos 155 de media do Estado), e que a 14 días é de 98 casos (polos 225 da media nacional). Durante a súa intervención, comentou que 124 concellos non declararon ningún novo caso covid nos últimos 14 días, e que, outros 143 municipios, tampouco o fixeron nos últimos 7 días.

A taxa de positividade en Galicia sitúase en 4’6%, “un incremento substancial” apostilou a responsable de Saúde Pública, ao practicamente duplicarse desde hai unha semana, cando se situaba no 2’51%.

No que atinxe á presión asistencial, o xerente do Sergas, José Flores Arias, repasou os niveis ocupación dos centros sanitarios galegos. Neste senso, comentou que a variación semanal foi lixeira, alén do incremento de novos casos activos que se atopan no seu domicilio.
Flores indicou que “é moi significativo o descenso da idade das persoas que están ingresando nos circuítos respiratorios dos hospitais galegos”, nos que, nestes intres, permanecen na UCI dúas persoas de 30 e 38 anos.

Restricións por concellos

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou, na súa reunión de onte, o establecemento do nivel alto de restricións para os concellos de Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Culleredo, Ribadavia, Ourense, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Pontevedra, Marín, Redondela e Salceda de Caselas.

Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 10 de xullo.
R.