Skip to main content

Reabren a metade de albergues da rede pública do Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe en Sarria durante unha reunión coa Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, que hoxe abren a metade de albergues da Rede pública con tódalas medidas de prevención ante a covid-19, dos que 5 deles se atopan nesta ruta. Trátase dos do Cebreiro, Casa Fonte de Lusío (Samos), Ferreiros (Paradela), o de Portomarín, e Mato Casanova (Palas de Rei).

Así, destacou que debido á maior afluencia de peregrinos facíase necesario incrementar os servizos de acollida que no caso da rede pública ata agora permaneceron pechados para non facer competencia aos albergues privados. O límite de ocupación nas zonas comúns será do 50%, pero nas habitacións redúcese aos 30%, salvo para grupos burbulla acreditados. As camas disporanse cunha distancia mínima de 1,5 metros entre si, aínda que se aconsellan os 2 metros sempre que sexa posible. No caso de contar con liteiras, evitarase o uso das contiguas e das superiores. Cada peregrino deberá levar o seu propio saco de durmir, e recoméndase permanecer pola noite coa máscara posta.

Alfonso Rueda sinalou que o Camiño está a rexurdir como demostran os datos con máis de 10.700 peregrinos contabilizados desde abril, a metade deles –máis de 5.400- a través do Camiño Francés. Ademais, só na primeira metade deste mes chegaron a Compostela máis de 5.300 camiñantes, dos que 2.500 escolleron esta ruta.

Tamén agradeceu a implicación da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na divulgación e conservación deste itinerario. Por iso, a Xunta vén colaborando con esta entidade e continuase a executar o convenio bianual 2020-2021, dotado con 1 millón de euros e destinado a actuacións de embelecemento para a promoción do Xacobeo 21-22.

Froito desta colaboración, varias propostas da programación do Xacobeo tamén teñen como escenario os concellos que atravesan o Camiño Francés. Por exemplo, Os Camiños das Músicas Galegas. La Duendeneta, para dar a coñecer a música en galego; ou Unha benvida aos peregrinos, para recibir con bandeirolas o próximo mes nos cascos históricos dos concellos que percorren.

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que o Camiño Francés é a ruta máis transitada ao concentrar a metade dos peregrinos, polo que se está a converter no motor da reactivación do Camiño. Nesta liña, incidiu en que tódalas medidas postas en marcha para contar cun Camiño Seguro coa adaptación dos trazados ou a formación dos hospitaleiros e a activación de protocolos sanitarios por mor da pandemia.

Ademais, incidiu en que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro e de calidade e ofrecerlles o turismo tranquilo e sen masificacións en espazos abertos que están a demandar. E cun plus de tranquilidade a través do seguro coronavirus que xa está activo e cubre os gastos sanitarios e de transporte ou aloxamento derivados dunha infección por covid-19 ou da prolongación da estancia por cuarentena.
R.