Skip to main content

A Cidade da Cultura reforza o seu programa de visitas con itinerarios centrados en arte, arquitectura, natureza e o Camiño de Santiago

Os itinerarios, de entre 45 e 60 minutos de duración e guiados polo persoal do Museo Centro Gaiás, ofrecen diferentes e novidosos xeitos de achegarse ao complexo arquitectónico. É o caso da proposta Andainas con arte, que co obxectivo de reunir cultura e natureza convida a un breve percorrido polas zonas verdes do Gaiás a través das intervencións artísticas e paisaxísticas que acollen: Espellos, de Manolo Paz; Constelacións II –coñecida como O banco do peregrino–, de Clara Montoya; Deixa aquí os medos, de Alicia Framis; ou as obras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que pon o foco na presenza da muller no eido da creación contemporánea. A visita, que conta co patrocinio de Viaqua, complétase cunha reflexión sobre a auga como materia capaz de evolucionar, purificarse e contaminarse, sobre a que nos chama a atención a instalación O perpetuo tránsito cara ao presente, de Miguel Moreno, que acollen as Torres Hejduk.

Tamén como novidade deste verán, as persoas que se acheguen ao complexo poderán participar nunha descuberta guiada polos vencellos entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago, desde os primeiros planos do proxecto arquitectónico –realizado a semellanza do trazado das rúas da cidade vella compostelá– aos segredos que agochan os seus edificios, como a copia facsimilar do Códice Calixtino que posúe a Biblioteca de Galicia. O percorrido permitirá contemplar unha vista diferente da Catedral e da cidade de Santiago desde o cumio do Gaiás e, camiñando polo Bosque de Galicia, levará aos visitantes ata a Vía da Prata, que no seu último tramo de entrada en Compostela bordea a aba suroeste do monte Gaiás.

Ademais, a Cidade da Cultura recupera e actualiza a súa tradicional visita arquitectónica que, ademais dunha panorámica polas liñas e volumes proxectados por Peter Eisenman permitirá achegarse aos usos e funcións do complexo e coñecer espazos normalmente restrinxidos ao público, como a galería de servizos subterránea, que comunica o subsolo de todos os edificios.
Exposicións no Museo Centro Gaiás

O abano complétase coas actuais visitas comentadas ás exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás: Os brancos segredos do seu ventre e Faraón. Rei de Exipto. Concretamente, esta exposición verá ademais reforzada a oferta de visitas a partir de xullo, con quendas de martes a domingo, en resposta á elevada demanda que está a espertar esta mostra bate marcas de asistencia na Cidade da Cultura.

Todas as visitas guiadas réxense por un estrito protocolo que inclúe a adaptación do límite de prazas ás recomendacións vixentes en cada momento, a necesidade de reserva previa por se fose necesario contactar ás persoas participantes, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, ou a obriga de acudir con máscara de protección e manter todas as medidas hixiénicas marcadas polos protocolos de prevención da covid-19.
R.