Skip to main content

Galicia experimentará novos pasos na hostalería, reunións, campamentos e albergues, e revisión de todas as normas das actividades afectadas pola covid-19

Á espera desa revisión, Feijóo avanzou hoxe as novas medidas acordadas polo comité clínico, que entrarán en vigor o vindeiro sábado, destacando en primeiro lugar que quedan sen efecto as prohibicións das reunións de non conviventes entre a unha e as seis da madrugada, tanto en domicilios como en exteriores.

Do mesmo xeito, non haberá límites para as agrupacións de persoas; “é dicir, non se prohiben as reunións nas vivendas nin nos espazos públicos, aínda que se segue recomendando que se manteñan as cautelas e as precaucións”, explicou, resaltando que canto máis reunións e máis numerosas, máis risco de contaxio existe.

Nesta mesma liña, o titular da Xunta resaltou que se manteñen limitacións para determinadas actividades, como a hostalería, aínda que se seguen a dar pasos adiante na apertura. Así, mantense a limitación de 6 persoas no interior pero suben de 10 a 15 nas terrazas, sempre e cando o Ministerio cumpra e retire definitivamente hoxe a orde de medidas, que impediría esta ampliación.

E ampliase o horario dos bares, que se igualan ao resto de hostalería que ofrece servizos de cenas, podendo pechar tamén a unha da madrugada, sempre e cando garantan a calidade do aire, a través dun medidos de CO2.

Por outra banda, tamén se flexibilizan as medidas que regulan as actividades de tempo libre para nenos e mozos, aumentando a capacidade máxima ata o 70%. Así, para as actividades en espazos abertos, pasarase dun máximo de 50 participantes a 125, ademais dos monitores; e para as actividades que se realicen unicamente en espazos pechados, pasarase de 25 a 50 participantes, ademais dos monitores.

Ademais, se ata agora se establecían grupos burbulla de 4 participantes en interiores e 6 en exteriores, Feijóo trasladou a decisión do comité de elevar estes grupos burbulla a 10 participantes, máis monitores, tanto en interiores como en exteriores.

Así mesmo, e de cara aos campamentos de verán, a capacidade máxima dos albergues xuvenís será de ata un 70% da súa capacidade máxima, sempre e cando se respecte a distancia de seguridade; e as tendas de campaña poderán ter ocupado o 50% da súa capacidade máxima habitual.

En relación aos albergues de peregrinos, o titular da Xunta aseverou que a súa capacidade máxima seguirá a ser do 30%, salvo que os ocupantes da habitación compartida estean acreditados como grupo burbulla.

Por último, e respecto ao ocio nocturno, Feijóo subliñou que a Administración autonómica estará pendente da decisión que tome o Goberno central. Non obstante, recordou que esta fin de semana se celebrará en Galicia unha proba piloto en seis locais de ocio nocturno, coa a previsión de levar a cabo a reapertura a partir do 1 de xullo.
R.