Skip to main content

A plataforma Praias Seguras facilitará a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán

O obxectivo é facilitar mecanismos de apoio para poder afrontar en condicións de seguridade a previsible afluencia ás praias durante o verán e establecer á vez medidas que procuren evitar a propagación do COVID-19.

Así llo expuxeron esta mañá ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no transcurso dunha reunión de traballo, na que tamén participou a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, para abordar a necesidade de xestionar os areais galegos de maneira axeitada e coordinada. Neste sentido, os conselleiros ofrecéronlles aos concellos a súa colaboración a través da información xeográfica dispoñible sobre os areais galegos, facilitándolles o establecemento dos novos criterios que deberán fixar para o acceso ás praias nos próximos meses.

En concreto, a Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, dispón do visor do Catálogo de Praias de Galicia, que permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información moi valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga ou ocupación máxima, en función dos criterios que se fixen por parte do Goberno do Estado.

Cómpre precisar que a comunidade conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña a meirande parte delas (454 praias), seguida de preto por Pontevedra (con 414) e Lugo (92). En canto ao aforo máximo das praias galegas, está calculado nun total de 939.520 persoas, un dato interesante se se analiza praia por praia posto que pode axudar a calcular un determinado grao de ocupación.

Deste xeito, como explicou Vázquez Mejuto, a Xunta quere anticiparse e afondar na necesidade de afrontar a xestión das praias de forma coordinada, sen menoscabo por suposto das competencias municipais pero asumindo que no verán recibirán unha elevada carga de visitantes.

Segundo explicou, “sería extremadamente favorable para Galicia utilizar un criterio estándar” xa que permitiría actuar de forma coordinada e en base a un modelo común para calcular os aforos, evitando así disparidades na xestión das distintas praias que poderían ocasionar “confusión” entre os usuarios. “Isto tamén nos permitiría consolidar o destino Galicia con máis forza e como destino seguro, o que sería tremendamente positivo para o noso turismo”, subliñou.

Por iso, a conselleira insistiu na oportunidade de acadar un consenso a nivel galego sobre os criterios que os concellos van utilizar para o cálculo dos aforos das praias este verán, sendo un bo punto de partida a información xeográfica da que se dispón. Así, o seguinte paso será convocar á Fegamp e aos representantes municipais dos concellos costeiros para expoñerlles a situación, poñerse á súa disposición e traballar xuntos para acadar un modelo raciones e consensuado de xestión das praias.

Galicia, destino seguro

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou que esta medida se enmarca na aposta da Xunta por impulsar Galicia como un destino “fiable e de calidade” para favorecer a recuperación do sector turístico e garantir a seguridade dos traballadores e usuarios. Lembrou que o Plan de reactivación recentemente presentado polo Goberno galego recolle un investimento de 5 millóns de euros en axudas públicas e formación dirixida a aqueles negocios que precisen acometer actuacións que se deriven da súa aplicación.

Segundo o titular de Cultura e Turismo, tras a crise sanitaria vai ser máis necesario que nunca posicionar a nosa Comunidade como un destino seguro “non só a nivel nacional e internacional, senón entre os propios galegos”. Para logralo, insistiu na importancia de actuar “coa máxima anticipación”, tomando as medidas precisas con rigor e axilidade para minimizar o impacto económico da crise e favorecer a reactivación do turismo galego.
R.