Skip to main content

Galicia tivo en 2018 a mellor evolución da poboación dos últimos nove anos grazas á chegada de máis habitantes á comunidade

Galicia rexistrou ao longo do ano 2018 a mellor evolución da súa poboación dos últimos nove anos, segundo reflicten os datos do Padrón Municipal a 1 de xaneiro de 2019 publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

En concreto, a poboación de Galicia a 1 de xaneiro de 2019 situouse en 2.699.499 persoas, o que supón un descenso do 0,08% (-2.244 persoas) en comparación coa mesma data do ano anterior. É a mellor evolución do padrón municipal galego desde o ano 2010, cando tamén rexistrara unha baixada do 0,08% en comparación co exercicio precedente.

Esta mellor evolución da poboación galega é consecuencia directa do bo comportamento do saldo migratorio, toda vez que Galicia conseguiu atraer milleiros de novos habitantes procedentes de fóra da comunidade autónoma. De feito, segundo os datos do INE, en 2018 entraron a vivir en Galicia 13.136 persoas máis das que saíron a outras partes de España ou ao estranxeiro.

Neste apartado foi clave á excepcional evolución do saldo migratorio co estranxeiro, xa que en 2018 entraron en Galicia procedentes do exterior 12.884 persoas máis das que saíron a outros países. De feito, o saldo migratorio de Galicia co estranxeiro medrou un 88,6% respecto ao ano 2017, segundo os datos publicados polo INE.

As cifras do padrón municipal publicadas hoxe tamén mostran que a evolución da poboación de Galicia foi mellor que a do resto de comunidades autónomas colindantes. O descenso poboacional rexistrado en Galicia (-0,08%) no ano 2018 é moi inferior ao que se produciu en Asturias (-0,53%) e Castela e León (-0,40%), e tamén é mellor que o da comunidade de Estremadura, onde a poboación baixou un 0,48%.

Revisión á alza de 624 habitantes

Os datos publicados hoxe polo INE revisan os xa publicados por este organismo no pasado mes de abril. En comparación coas cifras publicadas naquel momento Galicia rexistra 624 habitantes máis, xa que a cifra do padrón municipal publicada de xeito provisional foi de 2.698.875 persoas.
R.