Skip to main content

Representantes de 25 universidades de 9 países apoian á Ribeira Sacra no seu camiño cara o Patrimonio Mundial da Unesco

Os reitores e representantes dun total de 25 universidades de 9 países europeos e americanos apoiaron hoxe á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no seu percorrido cara á inclusión da mesma na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, referendando que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza, que configura unha paisaxe cultural viva, cuxa beleza reflexa e testemuña o bo facer das civilizacións pasadas e presentes”.

Aconteceu no marco da Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago, asinada inicialmente polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e ratificada polos representantes das universidades presentes no Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago. Un evento congresual organizado polo Grupo Compostela de Universidades e a Xunta de Galicia que forma parte da etapa de preparación do Xacobeo 21.

Neste sentido, cómpre explicar que o Camiño de Santiago tamén se integra formalmente no texto desta declaración, na que se destaca o seu valor espazo de encontro entre persoas e pobos, recoñecendo así mesmo “o seu potencial transformador e a súa capacidade impulsora da concordia, o diálogo intercultural e o enriquecemento das comunidades locais”.

Universidades aliñadas co desenvolvemento sustentable

O conselleiro de Cultura agradeceu o apoio acadado para a candidatura e o recoñecemento do Camiño de Santiago como ruta de encontro e símbolo universal da fraternidade, e expresou a súa confianza en que “o exemplo da Ribeira Sacra e do Camiño nos inspiren hoxe para firmar este compromiso”, que busca traballar desde o eido da educación superior no establecemento de accións en prol da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable propostos pola Organización de Nacións Unidas.

O conselleiro rematou a súa intervención sinalando que a declaración nos compromete a facerlle fronte “a un dos maiores retos, xa non de Europa, senón de toda a humanidade: o desenvolvemento sustentable”, e puntualizando que este só se pode acadar a través dun medio, “a educación das persoas”. O documento asinado esta mañá en Chantada é a manifestación solemne do compromiso das universidades en prol do logro dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na Educación Superior e da iniciativa de universidade europea.

Programación do evento

O programa completo do encontro que remata hoxe incluíu na súa parte profesional a celebración de mesas redondas, grupos de traballo e relatorios de especialistas como a xefa da Unidade de Educación Superior da Unión Europea, Vanessa Debiais-Sainton, ou o director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030, Federico Buyolo. A cita completouse con visitas culturais, degustacións de produtos galegos e un percorrido polo Camiño de Inverno ao seu paso pola Ribeira Sacra. Un conxunto de actividades que tiveron como obxectivo estreitar lazos entre a educación superior e o Camiño de Santiago e deseñar novas iniciativas que favorezan o desenvolvemento sustentable.

En concreto, esta xornada de clausura incluíu unha visita ao templo medieval e antigo pazo bispal de Diomondi, a realización dun tramo do Camiño de Inverno entre Diomondi e Chantada, unha visita ás Bodegas Vía Romana e a sinatura da declaración. Cómpre lembrar a aposta da Xunta dos últimos anos para poñer en valor o Camiño de Inverno, algo que se traduce, entre outras accións, no seu recoñecemento oficial, no seu mantemento e conservación, así como no proxecto de sinalización, que se realizará en 2020 no marco do Plan Estratéxico do Xacobeo 21.
R.