Skip to main content

Os hoteis galegos aumentan a súa facturación ata chegar ao 70% da demanda turística de Galicia

A aposta permanente do sector pola mellora na calidade e na competitividade e a capacidade para adaptarse aos cambios permitiron incrementar o peso do sector hosteleiro na nosa economía.

Información por Provincias

A profesionalización do sector e a aposta pola excelencia reflíctese no feito de que o número hoteis de catro estrelas na comunidade experimentou un crecemento de máis do 30 por cento. Desglosado por provincias, o crecemento na Coruña foi dun 13,3%, en Lugo dun 10,4%, en Ourense dun 9,4%, e en Pontevedra dun 3,8%. E en canto ás prazas ofertadas, o crecemento na Coruña foi dun 5,5%, en Lugo dun 7,5%, en Ourense dun 7,6%, e en Pontevedra dun 4,4%. En canto ó número de prazas, Pontevedra ten un total de 25.780 (407 establecementos hoteleiros), A Coruña 18.357 (280 establecementos), Lugo 6.285 (127 hoteis) e Ourense 4.538 (93).

Descentralización e Desestacionalización

Dúas son as claves da estratexia turística da Xunta de Galicia: A descentralización da oferta (que supón que os viaxeiros visiten toda Galicia en lugar de concentrarse en puntos concretos) e a desestacionalización do turismo (procurando que os turistas cheguen en calquera época do ano, para gozar da diversidade na oferta da comunidade.

A implantación do sector en Galicia estase a diversificar, no rural e nas cidades, na consta e no interior: Un 59% dos concellos contan con algún hotel nos seu territorio, cifra que supera o 80% se temos en conta o sector hoteleiro en xeral (incluíndo pensións).

Oferta por Concellos

Sanxenxo é o concello que ofrece máis prazas hoteleiras en toda Galicia, seguido polos concellos de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Proporcionalmente o concello cunha maior oferta é Mondariz-Balneario (é fundamental neste valor o turismo termal), atendendo ao número de prazas por cada 100 habitantes. Despois deste, están Sanxenxo, O Grove, e outras vilas rurais das provincias de Lugo e Ourense, como Pantón, Lobios ou Cenlle, o que mostra a importancia do sector hoteleiro á hora de fixar poboación e crear postos de traballo estables e de calidade nos concellos do rural.

Incremento de ingresos no primeiro semestre

A rendibilidade e competitividade do sector, e a capacidade para crear emprego de calidade e desestacionalizado, pode observarse nos ingresos obtidos durante o primeiro semestre do ano, que superan os 118 millóns de euros, o que supón un incremento dun 10,2%. Extrapolando este ritmo chegaríamos a finais de ano con máis de 300 millóns de euros de ingresos, é dicir, un 38% máis que no ano 2014.

O Plan MAT (Mellora de Aloxamentos Turísticos)

O Plan MAT é unha estratexia promovida pola Xunta de Galicia que mobilizará case 5 millóns de euros para procurar favorecer a renovación dos establecementos hoteleiros galegos, unha aposta polo turismo de calidade coa vista posta no Xacobeo 21. Uns 70 establecementos serán os beneficiarios este ano dunha liña de axudas de máis de 1,2 millóns de euros, para melloras na accesibilidade, e para modernización de instalacións, innovación, servizos e aforro enerxético. Pontevedra será a provincia máis beneficiada con este programa, cun 54% das axudas. Por sectores, os hoteis percibirán un 66% das subvencións, e o resto se repartirá entre turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues.

A estes importes hai que engadirlles un millón de euros mobilizados o ano pasado e repartidos entre 54 empresas do sector. Pola súa banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou dentro do programa Reforma Tur un importe total de 3 millóns de euros para 500 establecementos hoteleiros. Así, desde 2018 o Goberno galego colabora coa renovación duns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.
R.