Os hoteis galegos reciben un 7,6% máis de viaxeiros en xullo cun forte crecemento do turismo internacional

Con todo, os hoteis galegos non só recibiron un maior número de visitantes en xullo, senón que estes realizaron un maior número de noites. A demanda hoteleira experimentou un crecemento do 6,7% fronte o 1,1% do resto do Estado, e superou os 1,2 millóns de pernoitas, acadando a segunda cifra máis elevada da serie histórica. Así mesmo, a ocupación experimentou un alza de preto do 3% fronte o 0,13% a nivel estatal.
Oferta consolidada e de calidade
Malia a inestabilidade meteorolóxica rexistrada ao longo do mes e xullo, os datos do INE confirman que Galicia é un destino cunha oferta consolidada á marxe da meteoroloxía ao situarse como a segunda Comunidade que rexistrou un maior incremento tanto no número de viaxeiros como no referente á demanda hoteleira. Trátase dunhas cifras que confirman o impulso do Goberno galego a un turismo de calidade e vencellado ás particularidades de cada territorio, capaz de atraer viaxeiros durante todo o ano e a todos os puntos da xeografía galega.
A aposta pola profesionalización e a mellora da competitividade dos establecementos hoteleiros galegos reflíctese na mellora tanto da rendibilidade como das tarifas. En concreto, a rendibilidade mellorou un 7,3% acadando a cifra máis elevada da década mentres que as tarifas experimentaron unha suba do 2,4%.
Lugo lidera o crecemento
No que respecta aos datos por provincias, todas rexistran un comportamento positivo e homoxéneo da demanda hoteleira. En canto ao volume de noites, Lugo é a provincia que rexistrou un maior crecemento, un 14,2%; seguida de Pontevedra, cun 6,5%; Ourense, cun 5,7%, e A Coruña, cun 5,1%, uns incrementos parellos á cifra de viaxeiros aloxados. As cifras amosan a aposta pola descentralización do turismo que vén realizando a Xunta de Galicia, favorecendo a chegada de turistas ás catro provincias durante os doce meses do ano.
En termos absolutos, Pontevedra é a provincia que absorbe o maior volume de demanda no conxunto da Comunidade grazas aos bos datos rexistrados nos destinos do litoral. Séguena A Coruña, Lugo e Ourense.
R.