Skip to main content

'Solpores do Museo' arranca en Vigo tras esgotar en día e medio as entradas dos seis concertos

Neste senso, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, non quixo perder a oportunidade de pór en valor o “éxito rotundo” do proxecto que, dixo, “nace coa vontade de poñer en valor o traballo de artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, a través dunha programación de concertos transversal”. “Contamos co mellor escenario posible, no que se ofrece a posibilidade de escoitar a mellor música contemplando o solpor da ría de Vigo”, aseverou respecto ao Museo do Mar de Galicia, e tras destacar o potencial da escena musical viguesa.

Tras a apertura de mañá, a segunda xornada celebrarase o xoves 1 de agosto e terá como protagonistas a Amaro Ferreiro e Villanueva.

O 8 de agosto actuarán o grupo vigués Moon Cresta e a banda Aurora & The Betrayers, mentres que o 15 de agosto será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño. Xa o xoves 22 de agosto terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.

Todos os concertos terán lugar na terraza do restaurante do Museo do Mar de Galicia, un emprazamento emblemático en plena ría de Vigo e polo que discorre o Camiño de Santiago. As actuacións comezarán ás 20,30 h.

En outono, ‘Vigo Emerxe’

Por outra banda, o Goberno galego, tal e como avanzou a pasada semana o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentará o vindeiro outono Vigo Emerxe, un encontro musical protagonizado por grupos locais emerxentes que rememorará os tempos da movida viguesa. Unha proposta que, ao igual que os Solpores do Museo demostra o compromiso da Xunta coa cidade olívica e coa mellora da súa oferta cultural e turística.
R.