Skip to main content

O aumento en ocupación e ingresos nesta Semana Santa resalta a boa marcha do sector turístico galego



O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou en rolda de prensa que o Consello ven de constatar a boa marcha do sector turístico durante a Semana Santa. Feijóo indicou que se cumpriron as mellores previsións cun aumento dos ingresos do 15% e un nivel de ocupación media que chegou a alcanzar o 95% nos días festivos da Semana Santa. Estes datos, aportados polo propio sector a través do Clúster de Turismo, supoñen un “balance moi positivo”, engadiu.

O presidente da Xunta sinalou que “o comportamento turístico de Galicia mellora sobre ás previsións iniciais e medra notablemente respecto ao ano pasado” e engadiu que o turismo se consolida como un piar básico da estrutura económica de Galicia.

En termos de ocupación o rango xeral situouse entre o 65% e o 85%, aumentando entre o Xoves e o Sábado Santo ata o 95% e chegando mesmo ao 100% en algunhas zonas como Ferrol, Viveiro ou a Ribeira Sacra. A provincia de Lugo foi unha das zonas que máis medrou cunha ocupación media do 93%, que supón un aumento interanual do 10%. Feijóo sinalou, neste senso, que se nota a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco e a designación do Xeoparque Montañas do Courel. Ademais, o presidente da Xunta cualificou de “espectacular” a chegada de 14.000 peregrinos a Santiago de Compostela, un 61% máis que en 2018. Tamén destacou os bos resultados do turismo rural cunha ocupación do 67%.

O Consello da Xunta tamén coñeceu hoxe a resolución da convocatoria de 2019 das axudas para mellorar as infraestruturas turísticas do rural. Feijóo avanzou que se mobilizarán 4,7 M€ que beneficiarán a 126 concellos das catro provincias para, entre outras cuestións, actuacións de mellora de accesos, recuperación e tratamento paisaxístico, iluminación ornamental ou actuacións dos Bens de Interese Cultural.
R.