Skip to main content

As Montañas do Courel convértense no primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España, declarado pola UNESCO

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos destacou que “a declaración das Montañas do Courel como Xeoparque Mundial é unha decisión histórica para a nosa provincia e unha enorme satisfacción. Supón un extraordinario impulso ao turismo da zona e abre novas posibilidades e oportunidades económicas para a poboación que reside neste territorio da provincia. A Deputación foi a principal administración galega que traballou xunto aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, para conseguir este distintivo da Unesco”.

En 2016, o Executivo Provincial decidiu sumarse a esta iniciativa, asinando un convenio coa Asociación para a promoción territorial Montañas do Courel integrada polos Concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel para impulsar esta candidatura. Durante os anos 2017 e 2018, esta iniciativa contou co apoio da Deputación cunha inversión de 50.000 euros, para financiar distintas propostas de promoción do territorio como patrimonio xeolóxico.

Con esta axuda puxéronse en marcha actividades informativas e divulgativas deste territorio, traballos de sinalización, creación de novas rutas turísticas, organización de xornadas de estudio do propio territorio. A Deputación converteuse así na 1ª institución pública, ademais dos propios concellos, en adherirse ao proxecto converténdose tamén na principal administración galega impulsora deste proxecto.

A candidatura a Xeoparque Mundial foi presentada en novembro de 2017 ante a UNESCO. En xullo de 2018, o Goberno da Deputación ratificou o seu apoio a esta candidatura nun encontro que mantivo cos dous avaliadores internacionais da UNESCO que, durante 3 días, realizaron visitas de campo por máis de 30 puntos de interese deste territorio para coñecer os recursos naturais e patrimonio xeolóxico da zona.

Campos Conde tamén subliñou que “trátase dunha excelente noticia. Grazas ao apoio e impulso da Deputación nestes últimos años as Montañas de O Courel contan agora con dous novos distintivos que potencian extraordinariamente o turismo e o desenvolvemento económico deste territorio: o Xeoparque Mundial e a acreditación de Espazo Observer de Turismo Científico aportan unha identidade propia e diferenciación para este territorio que favorecerá unha maior atracción de turistas, un maior desenvolvemento económico, contribuíndo á xeración de emprego e a fixación de poboación na provincia”.

“Hoxe é un día de celebración, pero tamén de gran responsabilidade, pois somos conscientes de que este recoñecemento supón un importante deber e implicación por parte das diferentes administracións. Por iso, fago un chamamento público para afrontar todos xuntos o compromiso que temos adquirido tras lograr este distintivo”, engadiu.

R.