A Cidade da Cultura ensina o seu 'Gaiás segredo' con novas visitas á arquitectura, zonas verdes e espazos restrinxidos ao público
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/cidade-da-cultura.jpg)
En Gaiás segredo, os visitantes poderán explorar esta urbe de cuarcita e cristal deseñada polo norteamericano Peter Eisenman coñecendo polo miúdo o Museo Centro Gaiás, cunha fachada de 43 metros; a Biblioteca e Arquivo de Galicia, cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa Comunidade; e as Torres Hejduk, pensadas polo arquitecto John Hejduk como un invernadoiro vertical para Santiago, e trasladadas despois ao Gaiás, onde acolle intervencións artísticas.
Espazos restrinxidos ao público
Gaiás segredo tamén supón para os participantes acceder dun xeito exclusivo ao armado arquitectónico da Cidade da Cultura, xa que estas visitas comentadas inclúen espazos habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo e as sobrecubertas dos edificios, á vez que poder ver por dentro os sofisticados depósitos bibliográficos.
Finalmente, todos aqueles que fagan uso deste servizo terán a oportunidade de gozar dunhas visitas panorámicas de Compostela desde unha perspectiva pouco habitual, como é a do miradoiro do Bosque de Galicia. Gaiás segredo trátase en definitiva de amosar nun completo e exclusivo percorrido —limitado a só 20 persoas por quenda— para explorar unha das infraestruturas contemporáneas máis singulares de España.
R.