Skip to main content

O sector turístico galego confirma a súa permanente expansión e renovación coa obtención de 282 Q de Calidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou hoxe ao sector turístico galego cuxas 282 Q de Calidade acreditan, dixo, a súa permanente expansión e renovación.

Durante o acto de entrega dos diplomas Q de Calidade Turística 2018, Feijóo destacou o éxito patente no récord de certificacións que sitúan á Comunidade galega como a segunda neste tipo de distincións e a primeira da España Verde. Un éxito que se traduce na chegada de 4,8 millóns de visitantes no ano 2018, no incremento da estadía media e tamén no gasto; e que se verifica, así mesmo, no Camiño de Santiago que superou os 320.000 peregrinos en 2018 e se diversifica polos diferentes itinerarios.

Nesta mesma liña, felicitou ao sector pola súa aposta pola desestacionalización, como reflicten os datos publicados polo INE sobre aloxamento hoteleiro, que indican que 6 de cada 10 turistas que chegan a Galicia fano fóra do verán. Así, no mes de febreiro vendéronse na Comunidade máis de 330.000 noites, un 2% máis que en febreiro do pasado ano.

O responsable do Executivo autonómico aproveitou o evento para salientar que a hospitalidade galega non se limita a un recinto concreto ou a unha actividade específica; “é unha singularidade de Galicia enteira”, dixo, precisando que os visitantes poden desfrutar dun turismo de convivencia.

“En Galicia cada galego é un anfitrión. O sector turístico abrangue a todo un pobo que entende a dobre faciana do turismo como ingreso económico e como proxección amable dunha comunidade”, dixo, subliñando que esa Galicia anfitrioa sabe aproveitar o valor da paisaxe, como proba o feito de que das 6 empresas españolas de turismo activo con Q de Calidade, 4 sexan galegas; ou que a Autonomía galega sexa líder en España en portos deportivos certificados coa Q de calidade e, tamén, en aloxamentos rurais e no turismo industrial que inclúe as adegas.

Así mesmo, no eido termal, resaltou que Galicia sitúase como a segunda potencia europea, concentrando ademais preto do 20% dos hoteis españois coa certificación de calidade. Só é superada polo País Vasco en axencias de viaxe certificadas e ocupa o segundo posto nacional en servizos de restauración coa Q de calidade.

Feijóo concluíu referíndose ao recoñecemento á excelencia ao restaurante A Tafona de Lucía Freitas; “hai tradición e innovación nesta cociñeira compostelá que sabe facer de cada prato unha mensaxe de galeguidade”, aseverou, sinalando que este acto proba que Galicia conta cos mellores profesionais e co mellor país para facer do Xacobeo 2021 un novo fito na andaina desta Comunidade, anfitrioa do mundo.
R.