Skip to main content

A cidade de Dublín acolle a presentación da oferta turística de Galicia aos principais operadores irlandeses

A oferta turística de Galicia preséntase hoxe na capital de Irlanda, Dublín, no marco da mesa de traballo Irish Travel Industry Trade Show, no que están representados os principais operadores deste país. A Xunta está presente nesta reunión na que tamén participa o ente de promoción turística de España Turespaña así como representantes doutras comunidades autónomas.

O departamento de Cultura e Turismo difundirá entre os empresarios turísticos irlandeses a oferta relacionada coa natureza, a cultura, as cidades e a gastronomía, así como o Camiño de Santiago nun dos países que máis peregrinos achega ano tras ano, segundo os datos da Oficina do Peregrino. Nesta reunión profesional, Turismo de Galicia ten a oportunidade de contactar con grandes operadores irlandeses para presentarlles os produtos que máis se adaptan ao gusto dos cidadáns de Irlanda e así incorporar a oferta galega aos viaxes organizados que parten desta illa.

Polo que respecta á demanda turística, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a estadía media dos viaxeiros irlandeses nos establecementos hoteleiros galegos medrou un 27,3% en relación ao mesmo período do ano 2018. Polo que respecta ao Camiño de Santiago, os datos da Oficina do Peregrino revelan que o pasado ano recolleron a Compostela máis de 7.500 peregrinos irlandeses, un 13,55% máis que o ano anterior, situándose como o sétimo país estranxeiro con máis peregrinos.

Turismo de Congresos

Por outra parte, continuando co calendario anual da promoción dos produtos turísticos galegos, Cultura e Turismo participou onte na reunión profesional Meeting and Incentive Summit, un workshop destinado á comercialización do turismo de reunións, entre os operadores nacionais e internacionais.

Esta actividade desenvolveuse en Madrid, onde o departamento de Turismo da Xunta puido contactar con máis dunha vintena de profesionais da organización de congresos, convencións e reunións de empresa.
R.