Skip to main content

Expertos de todo o mundo participan desde hoxe no XI Curso Leccións Xacobeas Internacionais

O curso, que se desenvolverá no Museo das Peregrinacións ata o venres, foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa presenza do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez e dos directores do curso, os profesores Miguel Taín Guzmán e Domingo González Lopo.

Esta edición conta coa participación de destacados investigadores como o director do Instituto Europeo dos Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, entre outros, e tamén conta coa presenza de asistentes chegados de diferentes puntos de España e de países como Francia, Brasil, Italia, Alemaña ou Portugal. Xunto aos relatorios nos que se presentarán os resultados das últimas investigacións sobre o fenómeno xacobeo, o Camiño de Santiago e o seu patrimonio cultural, tamén está previsto un programa de visitas que inclúe a realización dalgún dos tramos do Camiño do Norte, un dos itinerarios Patrimonio Mundial.

O apoio de Turismo de Galicia a iniciativas formativas como esta enmárcase no compromiso da Xunta por fomentar a investigación xacobea. De feito, esa é unha das liñas estratéxicas do Plan director do camiño de Santiago, a folla de ruta da Xunta para levar a cabo no Camiño de Santiago melloras en eidos como a recuperación e construción de infraestruturas, a sinalización, o mantemento, a accesibilidade ou a investigación xacobea.
R.