Skip to main content

Fredy Solano gana el certamen de intervención en las Torres Hejduk de la Cidade da Cultura de Galicia

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que o proxecto ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano vén de ser elixido como gañador da IV Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, certame organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e aberto a todos os participantes no VI Encontro de Artistas Novos. O artista, de orixe salvadoreño pero residente actualmente en Vigo, plasmará no Gaiás o seu concepto da arte como ocupación e intervención do espazo público.

Fredy Solano busca con ‘A través dun horizonte sen corpo’ proxectar na paisaxe do Gaiás unha terceira Torre Hejduk, colocando un mural sobre o espazo negativo que se forma entre a torre de pedra e a torre de cristal.

En palabras de Eisenman, John Hejduk concibiu a creación desta terceira torre como “a iglesia sen corpo”, conferíndolle un corpo metafórico ao acto arquitectónico. Baseándose neste concepto de transparencia, o mural busca ser unha intervención atmosférica integrada na contorna e mimetizada coa paisaxe do monte Gaiás. A idea de Solano é construír un panel de gradientes de cores sobre unha superficie traslúcida duns 25 metros de alto e 7 de ancho na parte superior e de 3 na inferior, cun resultado de 125 metros cadrados de superficie.

A intervención de Fredy Solano verá a luz o 31 de agosto do 2017, coincidindo coa celebración da VI Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura. A mostra permanecerá aberta tres meses e contará con entrada de balde.

Fredy Solano-Póker (1992, El Salvador) foi un dos 40 artistas emerxentes que participou este ano no Encontro de Artistas Novos. Aínda que comezou como artista do graffiti en 2006, actualmente dedícase á produción de instalacións site specific e accións en espazos públicos.

Licenciado en Deseño Gráfico e Publicidade na Universidade Don Bosco de El Salvador, a súa experiencia artística inclúe a súa participación en exposicións como ‘Fusilamiento’ do Festival ecléctico de las artes’, ‘Antes y después’ no Centro Cultural España, ‘El grafiti no es nada’ do Festival de Intervencións en espazos públicos ADAPTE de El Salvador; ou a exposición colectiva ‘Tropical taboo’ na Benedictine University de Chicago. Recentemente foi seleccionado pola residencia RAPACES, Nicaragua; YES Academy- El Salvador por Mark Dion, Dena Sherwood and Deana Haggag (The Contemporary Baltimore); e VOLUMES, De lo tangible a lo intangible, Zürich, Suíza. Tamén foi representante do seu país na X Bienal Centroaméricana, comisariada por Tamara Díaz Brigas, Museo de arte y Diseño Contemporáneo. Actualmente vive e traballa en Vigo.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.