Skip to main content

Termagal potenciará a fidelización dos usuarios nos balnearios de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración da presentación do proxecto Termagal que tivo lugar no Balneario de Lugo e contou tamén coa participación do presidente da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Antonio Garaloces, do decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Gestal e a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Lugo, Patricia Daporta.

O proxecto, que conta coa colaboración de Turismo de Galicia, constitúe unha ferramenta de xestión médica e documentación que permitirá a estandarización dos procesos de asistencia médica nos balnearios de Galicia.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia na presentación, este software permitirá a homoxeneización da recollida de historias clínicas de pacientes e, polo tanto, facilitará a súa xestión.

Neste senso, Nava Castro afirmou que “con Termagal a proposta de servizos de saúde revalorizarase grazas a monitorización dos casos atendidos e dos resultados obtidos”. A responsable de Turismo da Xunta sinalou que trátase dun gran avance que potenciará a atracción e a fidelización dos usuarios nos balnearios de Galicia. “Termagal supón un empuxe fundamental para continuar consolidando Galicia como destino termal de referencia”, resaltou Nava Castro.

Gran potencialidade

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia destacou na súa intervención que cada vez son máis as parellas e familias que acoden aos balnearios buscando a prevención e o tratamento de doenzas crónicas.

Segundo explicou Nava Castro, os balnearios galegos posúen sete das oito clases de augas mineromedicinais que existen no mundo e que se empregan para tratar múltiples enfermidades. Neste senso a responsable de Turismo da Xunta afirmou que a nosa Comunidade conta cunha gran potencialidade no turismo de saúde e benestar. Así mesmo, Nava Castro afirmou que desde Turismo de Galicia apostase firmemente polo turismo de saúde.

No Plan Integral de Turismo de Galicia o turismo termal toma un papel clave na liña estratéxica que fai referencia á oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos diferenciais, buscando a desestacionalización e os novos públicos. Ademais, Turismo de Galicia desenvolveu un Plan termal específico que ten por obxecto fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e a consolidación e posicionamento de Galicia como destino termal global.

O plan constitúe unha ferramenta indispensable para realizar os procesos de planificación e desenvolvemento deste sector dun xeito coordinada e eficiente. Este plan contén cinco liñas estratéxicas centradas na planificación termal, infraestruturas termais, produtos termais, coñecemento termal e promoción termal con numerosos programas de acción planificados temporalmente entre o 2014 e o 2020.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia