Skip to main content

O programa Galicia Open Future impulsa 3 proxectos de innovación turística

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitaron a sede operativa do programa ‘Galicia Open Future’ no centro de crowdworking do Gaiás, na Cidade da Cultura.

Durante a visita as directoras de Turismo e de Desenvolvemento Pesqueiro puideron coñecer esta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia e Telefónica, que aglutinou nesta primeira edición máis de 150 emprendedores pertencentes a 50 proxectos diferentes neste centro de emprendemento da Cidade da Cultura.

Esta primeira edición do programa ‘Galicia Open Future’ aglutina proxectos de emprendemento, todos eles con base tecnolóxica, de todos os sectores da economía galega. A maioría dos proxectos proceden de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes grados de maduración: idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento.

Destes cincuenta proxectos tres deles pertencen ao sector turístico, converténdose ‘Galicia Open Future’ no primeiro programa de startups en Galicia que alberga proxectos turísticos.

Durante a visita, Nava Castro e Susana Rodríguez puideron afondar nestes tres proxectos, Bluscus, Ubiplay Mobile e Creappcuentos, nun encontro cos promotores destas iniciativas de innovación turística.

Tres proxectos turísticos de emprendemento

Bluscus é unha startup de dous mozos emprendedores galegos. O seu obxectivo é ser referente do turismo mariñeiro a nivel mundial, a través da comercialización na súa web de experiencias arredor do marisco, dende a extracción ata o seu desfrute.

Pola súa parte, Ubiplay Mobile desenvolveu unha aplicación multi-plataforma para vivir aventuras en calquera momento e lugar, a través dos smartphones. Esta aplicación permite realizar campañas de mercadotecnia xeolocalizadas, rutas e xogos colaborativos.

Por último, Creappcuentos é un editor de contos deseñado para infantil e primaria que permite xerar os teus propios contidos, engadindo a túa propia voz e/ou texto, para aprender xogando. A aplicación consegue, así, reforzar aprendizaxes e educar en valores, sincronizándose coa demanda da sociedade actual no uso das tecnoloxías da información e a comunicación, así como nas novas tecnoloxías da aprendizaxe e a educación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia