Skip to main content

Turismo de Galicia promociona en México o Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago e a súa xestión por parte da Administración autonómica galega presentouse na cidade de León, no estado mexicano de Guanajuato, dentro do III Foro nacional de Turismo e Cultura, Kultur, como un exemplo mundial no ámbito do turismo cultural.

Camen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, foi a encargada de presentar o relatorio Peregrinos e peregrinación no Camiño de Santiago: planificación e xestión, dentro do panel dedicado ao fenómeno das peregrinacións no mundo.

Logo do relatorio tivo lugar tamén unha mesa redonda na que participaron expertos mexicanos sobre o fenómeno das peregrinacións e o feito relixioso.

Camiño de comunicación

Na súa intervención, Carmen Pita fixo un repaso histórico da Ruta xacobea, desde a idade media ata a actualidade, abordando as disintas etapas que viviu o fenómeno das peregrinacións a Compostela.

Pita salientou a contribución do Camiño de Santiago na vertebración de Europa ao longo da historia e manifestou que, ademais, este “é un camiño de comunicación e difusión de ideas”, mesmo desde que xurdiu como vía de peregrinación.

A directora de Promoción de Turismo de Galicia pechou o seu repaso pola historia do Camiño de Santiago, referíndose aos primeiros anos do século XXI, como os dun “rexurdimento da peregrinación occidental, protagonizado, como no século XII, por xentes de distinta condición e nación que comparten e difunden a mensaxe milenaria de entendemento e concordia, de tolerancia e mutuo acordo, que exemplifica o fenómeno xacobeo”.

A xestión da Ruta Xacobea

Polo que respecta ao traballo das administracións públicas na xestión e promoción do Camiño de Santiago, Carmen Pita centrouse no seu relatorio no traballo da Xunta de Galicia nos anos santos de 1993, 1999, 2004 e 2010, salientando o plan de promoción do ano 1991-1992 no que se traballo na preparación do Xacobeo 93, que tivo en conta o coidado da traza do Camiño Francés, a súa sinalización, limpeza, restauración do patrimonio e a creación dunha rede de albergues públicos para os peregrinos que percorren o Camiño a pé.

Pita referiuse tamén aos anos seguintes nos que se apostou pola rehabilitación e valorización da Ruta, coa restauración do patrimonio e a dotación de albergues, así como un programa de promoción que se estendeu ás outras rutas do Camiño en Galicia.

Xa na segunda parte da súa intervención, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, explicou as liñas básicas dos distintos plans desenvolvidos pola administración galega centrados na recuperación do camiño físico, a rehabilitación do patrimonio cultural do Camiño Francés, a rede de albergues, a dinamización cultural e o programa de exposicións e mostras promocionais, e os museos, coleccións visitables e centros de interpretación asociados ao Camiño.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia