Skip to main content

Inorde e Axencia de Turismo de Galicia establecen un acordo para desenvolver o Plan Termal de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse para analizar os termos do acordo marco de colaboración entre ámbalas dúas institucións que permitirá desenvolver o Plan Termal para a provincia de Ourense. No documento, que Baltar e Castro asinarán en próximas datas, figura como obxectivo principal do acordo a posta en valor dos recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino “Ourense, provincia termal”.

Asemade, o acordo recolle a posta en valor dos recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, coa sustentabilidade como criterio clave para unha mellor calidade de vida, a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico. Outro dos obxectivos específicos é que se van articular os recursos, os servizos e a oferta termal como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores, e finalmente, preténdese posicionar a Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal.

O acordo contempla tamén aquelas actuacións que colaboren na consecución dos obxectivos marcados nas liñas estratéxicas do Plan Termal, presentado días pasados pola Deputación de Ourense, como son traballar na planificación termal, nas infraestruturas e os produtos termais, así como o coñecemento e a promoción do termalismo.

Tamén contempla o acordo que se constituirá o Consello Termal Ourensán, que estará integrado por representantes de ámbalas dúas partes, organismo que se reunirá, aló menos, dúas veces o ano. Este consello encargarase do estudo e proposta dos proxectos e actividades a desenvolver así como dos orzamentos correspondentes que despois se trasladarán para a súa aprobación ao órgano de xestión correspondente.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense