Skip to main content

Aposta pola promoción das cidades como claves para o crecemento da UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na reunión da comisión de Cohesión Territorial do Comité das Rexións (COTER) na que se debateu sobre varios proxectos de ditame referidos á política urbana da Unión Europea e ao papel fundamental das cidades na consecución dun crecemento máis intelixente, sostible e integrador; os tres obxectivos de Europa 2020.

Sendo Europa unha das zonas máis urbanizadas do globo, na que cerca dun 68 por cento da poboación reside en cidades, faise evidente a necesidade dunha axenda urbana que recoñeza o importante papel destes núcleos como motor económico e tome en consideración os desafíos sociais aos que se enfrontan, tales como o declive demográfico ou a conflitividade social. Tal é o punto de partida do proxecto de ditame “Cara a unha política urbana integrada para a Unión Europea” que avoga pola preparación dunha proposta de acción conxunta dos Estados membros neste eido por parte da Comisión Europea en forma de Libro Branco.

O obxectivo deste Libro Branco sería acadar un enfoque máis integrado da política e regulamentación da UE respecto das cidades e zonas urbanas, cun peso maior no financiamento comunitario orientado cara a consecución dos obxectivos políticos europeos. Así mesmo, a comisión COTER fai fincapé na necesidade dunha nova gobernanza en materia de política urbana que persiga unha maior eficacia e viabilidade das iniciativas locais.

“As cidades de Europa funcionan como verdadeiros laboratorios para a execución da política da UE”, sinalou o director xeral, “é lóxico, polo tanto, que sexan tidas en conta cada vez máis á hora de definir estas políticas, en liña coa Gobernanza Multinivel pola que vimos apostando dende o Comité”. De tal xeito, este novo ditame entronca co traballo realizado durante a xuntanza da pasada semana da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) na que se aprobou o proxecto de Carta da Gobernanza Multinivel en Europa logo dun debate no que Jesús Gamallo destacou a importancia desta ferramenta para loitar contra o descontento cidadán.

Seguindo no eido da política urbana, durante a xuntanza, a comisión COTER traballou nun proxecto de ditame referido á comunicación da Comisión Europea, “Xuntos por unha mobilidade urbana competitiva e eficiente no uso dos recursos”. Este documento, publicado en 2013, sinala a significativa contribución que a promoción e posta en marcha dun transporte urbano eficiente pode aportar á creación de postos de traballo e á consecución dun crecemento económico sostible. De tal xeito, avógase por promover accións a nivel europeo para a mellora e fomento da mobilidade urbana sostible, así como a elaboración de directrices non vinculantes para os Estados membro.

‘As cidades do mañá’

O debate sobre a necesidade de outorgar un maior protagonismo ao espazo urbano na política comunitaria foi tamén o eixo da conferencia “CiTIEs: Cities of Tomorrow: Investing in Europe”, organizada esta semana en Bruxelas pola dirección xeral de Política Rexional da Comisión Europea. Este foro, no que participaron expertos, asociacións de municipios e autoridades locais de toda Europa, tivo como punto de partida o informe “Cidades do mañá”, publicado pola propia Comisión en outubro do 2011, no que se sinala aos núcleos urbanos como actores fundamentais na consecución dos obxectivos da UE para 2020 ao ser espazos propicios para a ciencia e a tecnoloxía, a innovación e a loita contra o cambio climático.

No contexto desta conferencia incluíuse a reunión anual da plataforma de Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT), da que forma parte a AECT da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, que estivo representada polo seu director Juan Lirón Lago.

A cooperación interterritorial

A importancia prioritaria que concede o CdR á cooperación interterritorial quedou reflectida no programa de traballo da comisión COTER para o presente ano presentado hoxe. No mesmo, continúase a considerar prioritario potenciar a figura xurídica comunitaria das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) antes mencionadas, como a que conforma a eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, con sede en Vigo. Tamén se seguirá a traballar no fortalecemento do papel estratéxico das macrorrexións, nas que se encadra a iniciativa de cooperación territorial entre Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE) da que forman parte Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal, e na que Asturias se integrou este mesmo ano.

A Comisión COTER

A comisión de Cohesión Territorial é unha das seis comisións de traballo do Comité das Rexións da Unión Europea. Encárgase da elaboración de proxectos de ditames relativos as políticas de cohesión territorial, económica e social: fondos estruturais, turismo, cooperación interrexional e transfronteiriza, ordenación do territorio, política urbana, transportes e redes transeuropeas de transporte. A Fundación Galicia Europa realiza labores de asesoramento e apoio á participación galega no CdR, tanto nas dúas comisións das que é membro a nosa comunidade (CIVEX e COTER), como nas sesións plenarias deste órgano comunitario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia