Skip to main content

O CSHG acolle a semifinal do concurso Cociñeiro do ano no que compiten 3 restaurantes galegos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu na rolda de prensa de presentación do evento, que contou tamén coa presenza de Laia Pasarell, xerente do concurso, e mais de Iago Castrillón, cociñeiro do restaurante Acio e membro do xurado.

Na súa intervención, a directora destacou que cómpre apostar polo fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente, segundo se recolle no Plan Integral de Turismo de Galicia porque para Galicia é fundamental contar cun sector turístico formado e competitivo. Segundo explicou, “Turismo de Galicia traballa na promoción do Centro Superior de Hostelería de Galicia como exportador de coñecemento e icona de calidade, innovación e excelencia nos servizos turísticos.

A directora de Turismo de Galicia resaltou a aposta pola calidade e a perfecta simbiose da tradición e a vangarda, así como o servizo acolledor e hospitalario que exerce un potente efecto de fidelización ao tempo que diversifica a oferta turística e contribúe á diminución da estacionalidade. Segundo recalcou Nava Castro, “tal e como explicamos na presentación do noso Plan Integral de Turismo de Galicia, a nosa Comunidade persegue ser un destino diferencial a través da aposta polo talento e a profesionalización de todos os axentes”. A aposta pola oferta diferencial baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos e o desenvolvemento da enogastronomía como produto transversal contribuirán á consecución dun sector turístico competitivo e dun destino intelixente.

Ao tempo, Nava Castro recalcou o impulso que dende Turismo de Galicia se dá ao fomento de actividades de formación e ao impulso de accións formativas sobre a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na xestión da empresa e na creación, promoción e comercialización de produtos e servizos turísticos. Incidiu tamén na “formación e a calidade como xeradoras da excelencia dun destino turístico.

Tres cociñeiros e seis camareiros galegos na semifinal

Nava Castro comentou que é unha satisfacción para Turismo de Galicia acoller nas instalacións do Centro Superior de Hostelería de Galicia a V Semifinal do concurso ‘Cocinero del Año’ e paralelamente a V Semifinal do primeiro concurso ‘Camarero del Año’.

Ademais das probas aos cociñeiros, o Centro Superior de Hostelería acollerá un showcooking a cargo de Jordi Cruz, Beatriz Sotelo, Ignacio Rojo e Javier Olleros. Así como un village de presentacións de empresas patrocinadoras.

Os cociñeiros galegos que compiten na final son Iván Méndez, do restaurante Balneario de Mondariz, Lorena Moldes do restaurante ‘Pan de Millo’, no Grove e Iñaki Bretal, de ‘Eirado da Leña’ en Pontevedra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia