Skip to main content

Baltar propón a participación do Colexio de Xeólogos de Galicia no Plan Termal

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse co delegado en Galicia do Colexio Nacional de Xeólogos, Jesús Gómez Besteiro, e co delegado adxunto, Pedro Araújo, para establecer liñas de colaboración entre a delegación dos xeólogos galegos e a Deputación de Ourense no marco do Plan Termal provincial que está a elaborar o goberno provincial.

Manuel Baltar expresoulle a Gómez Besteiro e Pedro Araújo a importancia que supón o poder contar coas achegas técnicas que poidan aportar os xeólogos de Galicia. Precisamente a xuntanza tiña como finalidade inaugurar unha etapa de colaboración co Colexio de Xeólogos tendo ao termalismo como primeira liña de traballo.

Baltar considera que o termalismo é un dos potenciais máis característicos da provincia de Ourense e convidou aos xeólogos a asistir á presentación do Plan Termal provincial, que terá lugar proximamente, documento que a Deputación de Ourense está a elaborar conxuntamente coa Xunta de Galicia, para que a partires desa presentación o Colexio de Xeólogos teña un papel destacado no desenvolvemento e execución do dito Plan Termal.

Desta maneira, a intención do goberno provincial é que, nos órganos que se constitúan para o seguimento e execución do Plan Termal, o Colexio de Xeólogos teña unha participación importante. Ademais, na xuntanza tratáronse outros temas do ámbito xeolóxico referidos a aspectos patrimoniais, paisaxísticos e de infraestruturas na provincia de Ourense, así como da súa potencialidade como fonte de recursos naturais e patrimonio xeolóxico, e tamén como receptora de importantes obras de infraestrutura viaria.

En Galicia desenvolven a súa actividade profesional un centenar de xeólogos en diversos sectores (obra pública, minería e medio ambiente) traballando na empresa privada (enxeñería e consultoría) e en administracións e organismos públicos (inspección, investigación e docencia).

A delegación en Galicia do Colexio de Xeólogos traballa en colaboración co Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña e coa Facultade de Ciencias de Ourense, cos profesores Vidal Romaní e Pedro Araujo Nespereira, respectivamente.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense