Skip to main content

Miles de persoas achegáronse ata Meira para recordar os métodos tradicionais de malla

A Deputación colabora cos organizadores porque considera que este tipo de iniciativas axudan a dinamizar economicamente a zona combinando aspectos lúdicos e etnográficos. En definitiva a xornada de hoxe foi de confraternidade e recordo dos métodos tradicionais para as labores de labranza.

A Asociación de Amigos da Malla organiza esta xornada que chegou nesta cita a súa vixésimo segunda edición e que conta coa declaración de festa de Interese Turístico Nacional dende o ano 2006. De Feito á Malla de Meira é a pioneira de cantas se celebran en Galicia e unha das primeiras deste estilo en toda España.

Durante toda a xornada se puido ver ós voluntarios na Praza Maior traballando do trigo que recolleron días atrás. A malla realízase con maquinaria antiga e varias persoas do público quixeron participar nos traballos que se estenderon ata a noite. Os traballadores realizaron varias paradas para comer tamén os pratos típicos neste tipo de labores, como buñuelos e viño ou cocido da malla.

O público que se achegou ata Meira puido tamén pasear por entre os numerosos postos de venda e exhibición de artesanía, antigüidades e produtos autóctonos. Moitos non quixeron perderse a exposición de maquinaria antiga na Praza do Concello e durante todo o día varios grupos de música amenizaron as rúas da vila.

Exposición de traxes tradicionais do CENTRAD e visita do Barco Muralla

A Deputación colabora cos organizadores achegando ata Meira outras iniciativas para esta fin de semana. Así, as persoas que se achegaron estes días ata Meira puideron ver unha colección de traxes tradicionais dos fondos do Centro de Artesanía e Deseño. En total son dez traxes completos, dous de home e oito de muller de grande calidade. Un deles está feito cun tear tradicional, e empregaron para facelos fío, batista e lenzo, entre outros materiais. Chaman a atención especialmente os tres traxes dos denominados de picado e un de gala con cristais de Swarovski. Destes traxes dous levan dengue e un capa. É unha colección propia do CENTRAD, realizada a finais do século XX, con réplicas de grande calidade dos traxes típicos galegos e dálles máis realismo o feito de que levan tipo de complementos como cofias, bonetes ou panos.

Por outra banda, a Deputación quixo enviar esta fin de semana ata Meira o seu Barco Muralla unha iniciativa que pretende, a través dun vehículo con forma de barco, dar a coñecer o patrimonio natural da provincia. Deste xeito, os que se animaron a entrar nas instalacións participaron en actividades de concienciación medioambiental para toda a familia e recibiron información detallada sobre toda a riqueza natural de Lugo.

Orixe da festa

Os veciños de Meira souberon sacar partido ó trigo sementado por uns cazadores para atraer as perdices hai xa 23 anos. Cos excedentes decidiron facer unha malla tradicional e organizar unha festa para tódolos veciños. A cita foi a primeira das mallas que se celebraron como festa etnográfica e de recuperación da tradición en Galicia. En vista do éxito da convocatoria foron sumando actividades ata chegar este ano á XXII edición.
Deputación Provincial de Lugo