Skip to main content

O IV Minho Reggae Splash terá lugar o 6 e 7 de setembro no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño)

O festival Minho Reggae Splash cruza o río Miño para celebrar a súa cuarta edición no Espazo Fortaleza do concello de Tomiño. Máis de 60.000 metros cadrados de espazo natural ao carón do río, con praia fluvial, zona de descanso, aparcadoiro e todas as facilidades para pasar unha fin de semana gozando da música e das actividades que nos propón a asociación viguesa, que leva traballando a prol deste estilo musical dende hai cinco anos.

Poderase gozar dos concertos, de todas as actividades e da zona de acampada por 14 euros. Este é prezo do abono reducido de dous días que dá dereito a participar en todas as actividades e acceso ao recinto de concertos. Aqueles
que queiran ir só un dos dous días, poderán facelo por dez euros. O billete tamén poderá adquirirse no propio recinto do festival por 18 euros os dous días.

Dende hai catro anos o Festival Minho Reggae Splash converteuse nunha cita ineludible para os amantes do reggae e dos ritmos xamaicanos. Pero tamén para todos aqueles que lles guste descubrir novas músicas, artistas de calidade e, sobre todo pasar, unha fin de semana inesquecible, polo bo ambiente, a cordialidade e a gran variedade de oferta lúdica e de lecer que ofrecen en todas as súas edicións. Esta non vai ser menos, e o festival cumprirá o seu cuarto ano de vida, como un dos festivais de referencia de toda España e do Norte de Portugal.

Actividades para todos os públicos e todas as idades. Unha das características básicas do Minho Reggae Splash e a diversidade de público que atrae. Dende os cativos da casa até os máis maiores, aqueles que son uns apaixonados da música como os que queren pasar unha fin de semana diferente. Isto conséguese grazas a variedade e calidade das actividades que se programan, todas elas dirixidas por persoal especializado no ramo e con temáticas innovadoras que non contan cunha difusión maioritaria.

O Festival cruza o Miño

Logo de tres na outra beira do Miño, o festival Minho Reggae Splash pásase para á marxe galega para celebrar a súa cuarta edición, e se durante as primeiras anos gozou dun espazo privilexiado, como o de Vila Nova de Cerveira, este ano non o é menos. O Espazo Fortaleza de Goián convértese na sede do festival, que regresa a Galicia, onde a asociación promotora desenvolve boa parte da súa actividade ao longo do ano.

Sesenta mil metros cadrados de espazo natural, no río, con praia habilitada para o baño, pistas de voleibol, amplo aparcadoiro, a cinco minutos do centro da vila e con todos os servizos precisos para gozar dunha fin de semana de boa música, bo ambiente e en contacto directo coa natureza.

O recinto de concertos habilitarase no Espazo Fortaleza, onde se sitúa a Fortaleza de San Lourenzo, fortificación de 1673, declarada como Ben de Interese Cultural.

Goián, capital do reggae

A Asociación Minho Reggae continúa apostando pola calidade e a innovación á hora de escoller ás bandas que van participar na cuarta edición do festival. Músicos chegados de Londres, Brasil, Noruega e de toda a xeografía española que nos levará até a esencia do reggae. O londiniense Alpheus, un dos referentes do reggae dos últimos anos, con tres discos publicados faranos bailar a ritmo de reggae, ska e rocksteady.

O santanderino Roberto Sanchez será un dos pratos fortes do festival. Unha das iconas do reggae do país. Polas súas mans pasaron algúns dos discos de reggae máis importantes que se fixeron nos últimos anos. Como produtor é todo un referente, pero tamén como músico e así o vén demostrando dende finais da década dos noventa á fronte da banda Lone Ark.

A presenza internacional tamén será notable e, como nos últimos anos, permitirá coñecer o que se está a facer alén das nosas fronteiras. As últimas tendencias do reggae e a bandas emerxentes como os Chakras, que chegan dende Noruega. Nove músicos de ampla traxectoria profesional que dende 2011 traballan neste proxecto que aposta pola música xamaicana, a multiculturalidade e as mensaxes positivas.

Dende Brasil chegará o roots reggae dos Ukiemana. Un banda con dez anos de traxectoria, tres discos publicados e centos de concertos ás súas costas. Aterran en Galicia para presentarnos a súa música con ritmos moi bailables que se inspiran na raíz dos son xamaicanos.

Non faltarán os representantes da escena reggae nacional. Dous nomes que nos últimos tempos non paran de xirar por todo o país. Os madrileños Goymamba e os Tasty Groove, tamén dende a capital con proxectos innovadores que amosan o último que se está facendo no panorama reggae nacional.

Como non podía ser doutro xeito tamén haberá representación galega cos coruñeses Dandy Fever ademais da banda viguesa Zamaramandi que farán de backing band para Alpheus e Roberto Sánchez. Os encargados de continuar e pechar a festa serán os sound system Organic Roots Crew dende Madrid, Enki Sutta Dub, dende Francia e Chek Selectah & Genbeat dende Galicia.

Moito máis que reggae

Moita música pero tamén espectáculos de rúa con actividades de circo, percusión, obradoiros relacionados coa música, a natureza e o deporte. O Festival Minho Reggae Splash non só ofrece concertos senón tamén cultura e diversidade e así se
demostra na súa programación. Entreter, divertir pero tamén difundir novas culturas, novas tendencias. Para que o público se somerxa na cultura reggae e en todas as correntes que o rodean haberá obradoiros nos que músicos profesionais darán a coñecer os ritmos tradicionais xamaicanos e africanos dos que naceu este estilo musical. Música e tamén baile. Con exhibicións de danza africana, que non só poderemos ver senón tamén practicar, para así poder sentir nós mesmos a enerxía que chega alén do Atlántico.

Non faltarán tampouco os espectáculos de circo, que xa son un clásico do festival. Malabares, pantomima, acrobacias, trucos e bromas nas que tamén o público pasará a ser parte do espectáculo. Actuacións cheas de sorpresas e orixinalidade, que encherán o Espazo Fortaleza durante toda a tarde do sábado. Tanto grandes como pequenos poderán gozar dun espectáculo para todas as idades onde as gargalladas están aseguradas. Pero tamén poderemos converternos en clown e pallasos por un día grazas o taller de Artes Circenses onde estes artistas ensinarannos algúns trucos de maxia e malabares.

A natureza e o deporte centrarán tamén boa parte das actividades paralelas que se celebren na praia fluvial de Goián durante a fin de semana do 6 e 7 de setembro. Sendeirismo, actividades acuáticas, voleibol, poderán practicarse nas
proximidades do recinto do festival. Ademais de coñecer a riqueza paisaxística e natural deste espazo, considerado como zona de Especial Conservación dos Valores Naturais, do río Miño. Para iso nada mellor que o roteiro que se vai realizar pola
recentemente estreada senda á beira do río, que une as praias fluviais de Goián e a de Eiras, no Rosal. Un antigo camiño de pescadores recuperado agora con madeira e area que permite percorrer o traxecto tanto a pé como en bicicleta.

Feira de artesanía

O festival Minho Reggae Splash tamén quere ser unha plataforma de difusión e promoción da artesanía. Así dende o venres e até o domingo artesáns locais pero tamén chegados de toda España amosarán os seus produtos, exclusivos e orixinais. Roupa, cosmética, complementos, etc. Produtos moi variados que non só poderemos mercar senón que tamén coñeceremos, nalgúns casos, como se fan. Un xeito de recuperar as tradicións e as técnicas ancestrais da nosa cultura.

Zona de acampada

Os asistentes ao IV Minho Reggae Splash contarán con zona de acampada gratuíta a poucos metros do recinto de concertos. Deste xeito a organización do evento quere facilitar ao público a asistencia, ofrecendo un espazo onde poder pasar toda a fin de semana sen ter que desprazarse.

Os que así o desexen disporán dun espazo de acampada de 4.000 metros cadrados preto do río. Un piñeiral onde todas as tendas poderán estar á sombra, ademais de dispor de baños e todos os servizos mínimos para poder gozar da fin de semana. O espazo estará delimitado e será controlado durante os dous días por persoal da organización para garantir unha convivencia respectuosa e o coidado do espazo. Aqueles que veñan en caravana ou furgoneta tamén terán un lugar habilitado con sombra para poder descansar ademais dun aparcadoiro para os coches. O espazo de acampada abrirase ao público o venres e pechase o domingo.

No recinto haberá un posto de información sobre o festival e a acampada. A todos os campistas entregaráselle unhas normas básicas de obrigado cumprimento, que terán como premisa básica o respecto aos demais usuarios e ao entorno, xa que un dos obxectivos do IV Minho Reggae Splash e promover e fomentar unha cultura e estilo de vida respectuosos co medio ambiente e a natureza, así como a convivencia cordial cos demais.
Organización Minho Reggae