Skip to main content

Destínanse case 5 millóns de euros á mellora dos Parques Naturais Galegos

A Xunta de Galicia achegará preto de 4,5 millóns de euros ata o ano 2015 para actuacións nos parques naturais galegos. Entre os exercicios 2012 e 2013 estanse a investir 2,5 millóns e nos vindeiros 2014 e 2015 prevese un importe doutros 2 millóns de euros. Así o manifestou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ao remate da reunión de presidentes de Xuntas Consultivas de Parques Naturais de Galicia, presidida polo xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na que tamén participou a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Galicia conta con seis parques naturais: Monte Aloia (Baixo Miño), Corrubedo (Barbanza), Fragas do Eume, Baixa Limia-Xurés, Invernadeiro (Macizo central Ourensán), Serra da Enciña da Lastra (Valdeorras); e o parque nacional das Illas Atlánticas, entre as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, que suman en total 57.567 hectáreas.

Agás o Parque Natural do Monte Aloia (declarado en 1978), todos os parques existentes e a decisión da súa protección son froito do autogoberno ao seren declarados desde o ano 1992 (Corrubedo) pola propia Xunta de Galicia.

Hernández explicou que os parques naturais non poden ser considerados unicamente como espazos acoutados e limitados no seu uso ou como testemuñas dun pasado, senón que deben ser o exemplo e espello dunha sociedade que se coida e respecta a si mesma. Para a Xunta, estas áreas son a máxima expresión dos valores naturais propios de Galicia e un modelo para avanzar na sensibilidade e no uso racional e sustentable do territorio.

Os parques naturais precisan do pleno coñecemento da cidadanía e da máxima implicación dos seus veciños para que poidan xestionarse e desenvolverse de forma axeitada, e se perciban como unha oportunidade para Galicia e para os concellos. Con ese fin, de difundir os seus valores e de facer efectiva a participación pública, deben traballar as Xuntas Consultivas que naceron para colaborar na xestión e facilitar a implicación social da poboación nunha xestión ordenada e sostible destes espazos.

Potenciar as Xuntas Consultivas

A Xunta de Galicia quere potenciar estes órganos de participación, consciente da transcendencia do seu papel á hora contribuír a manter, conservar e proxectar os valores destes enclaves.

Galicia dispón na actualidade de 99 espazos naturais protexidos, o que se traduce nunha superficie total próxima superior ás 398.000 hectáreas e unha porcentaxe superior ao 12% do seu territorio, practicamente a mesma que o conxunto de España, que é o Estado que máis superficie terrestre protexida achega ao conxunto da Unión Europea.

O Goberno galego está a elaborar os plans reitores de uso e xestión, para guiar as actuacións en cada área, onde terán papel destacado as Xuntas Consultivas como canles de participación. O fomento destas áreas continuará a través das axudas da propia comunidade autónoma cofinanciadas con fondos europeos FEADER, co dobre obxectivo de potenciar estas zonas e de estimular a participación social no seu desenvolvemento.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia