Skip to main content

Oficios tradicionais, música e gastronomía únense no II Encontro de Artesanía de Galicia en Agolada

Os oficios tradicionais, a música e a gastronomía únense no Corazón da Artesanía. II Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra ata o domingo 7 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra) e que se enmarca na estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria.

O programa, que bota a andar a partir das 11:00 horas coa apertura dos postos e a inauguración ás 13:00 horas, inclúe un encontro en torno ás Emocións e oficio arredor do granito en Galicia, nas que os asistentes se poderán achegar a este material de xeito multidisciplinar: desde a perspectiva da fotografía, da man de Vari Caramés; da construción e a estética, co arquitecto Andrés Patiño; desde o punto de vista histórico, co historiador Pablo Cobas, ou desde a restauración, con Juan María Carcía Otero, director da revista Restauro.

No eido da gastronomía, ademais de diferentes catas de produtos con denominación de orixe, como queixos, viño ou augardentes, presentarase o proxecto Regal Gourmet a cargo de Alfonso Otero Regal e Manolo Gómez, ás 12:00 horas.

A Praza do Concello acollerá a actuación en acústico do dúo formado por Mónica de Nut e Virxilio da Silva a partir das 21:30, cunha proposta que aposta por un jazz contemporáneo que fusiona tradición galega, música de raíz, sons da electrónica, experimentación e música clásica.

Ás 23:00 dará paso a actuación do Dúo Fernández e Quintá, formado polo zanfonista Óscar Fernández e o acordeonista lalinense Carlos Quintá, que reinterpretan músicas tradicionais galegas sumándolles composicións orixinais e temas adaptados doutras culturas europeas.

Durante todo o encontro poderá verse o traballo de medio cento de artesáns que representan un total de 16 oficios tradicionais diferentes, como a xoiaría, a olería, a forxa, a follalataría, a tornería de madeira, a cantería ou a elaboración de zocos. Ademais da demostración en vivo de distintos oficios, e a comercialización de produtos de artesanía, haberá degustación e venda de produtos gastronómicos, cunha trintena de postos e especial atención ás denominacións de orixe existentes en Galicia. Entre as diferentes propostas, inclúese unha exposición de instrumentos musicais tradicionais galegos, comisariada por Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns, na que se pon de manifesto a riqueza e a variedade dos instrumentos musicais galegos a través dunha escolma da colección de Pablo Carpintero.

Os máis pequenos tamén terán forte protagonismo, e neste sentido, mañá comezarán os obradoiros centrados na elaboración de seda e de papel, que terán lugar ás 17:00 horas e ás 20:30, e aos que o sábado e o domingo se sumarán os de percusión tradicional e o de galletas creativas.

O encontro, que continuará no conxunto histórico-artístico de Agolada durante o sábado e o domingo, enmárcase na estratexia integral de apoio ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a especialización dos profesionais ou a mellora da comercialización.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia