Skip to main content

Galicia volve ser a comunidade autónoma con máis bandeiras azuis da UE

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou a súa satisfacción porque Galicia se erixa, un ano máis, como a Comunidade Autónoma con máis Bandeiras Azuis nas súas costas, máis aínda ao comprobar que seguimos, neste terreo “unha liña ascendente que nos permite sumar, verán tras verán, novas distincións”. O titular da Xunta presidiu esta mañá na praia de Valcovo, en Arteixo, a entrega dos distintivos cualificándoos como froito “do traballo ben feito e coordinado entre as administracións, de amor e respecto polos recursos propios, e de ollada ao país con visión de futuro”.

Por ese motivo, o mandatario galego trasladou os seus parabéns aos xestores públicos, especialmente aos alcaldes, aos veciños e aos usuarios das 127 praias, os 17 portos deportivos, os 13 centros, os 11 sendeiros e as 3 iniciativas que acadaron este verán as Bandeiras Azuis.

Feijóo remarcou que satisfacer as elevadas exixencias que requiren as Bandeiras Azuis só é posible con traballo, e puxo como exemplo o labor realizado polo municipio de Arteixo que conseguiu seis distincións para as súas praias en tan só dous anos, e compatibilizar o desenvolvemento económico co respecto medioambiental.

A xuízo do presidente da Xunta, que Galicia recolla a case a cuarta parte das Bandeiras Azuis das praias españolas, é síntoma da preocupación da sociedade galega pola riqueza natural. Nese sentido, sinalou que o Goberno galego coñece a vontade común dos galegos de “legar ás xeracións vindeiras un desenvolvemento coidadoso e respectuoso da riqueza territorial”, e por iso, centrou os seus esforzos “en dotas as distintas administracións dos instrumentos e recursos precisos para darlle cumprimento”.

Proba diso son, dixo, as Directrices do Ordenación do Territorio e o Plan de Protección do Litoral, aprobados a pasada lexislatura, ou o impulso a unha nova lei da paisaxe e o compromiso de buscar o máximo consenso para “aprobar unha lei do solo que espero sexa definitiva para as próximas décadas”. Segundo dixo, o obxectivo é “poñer negro sobre branco e sen rasquizo de dúbidas, as regras de xogo” necesarias para un desenvolvemento social e económico conforme a parámetros de sustentabilidade e preservación do territorio.

Feijóo destacou que nesa estratexia ocupa un espazo central o saneamento das rías, que, ten moito que ver coa consecución de 171 bandeiras azuis e “coa vontade de seguir acrecentando esa cifra”. Sinalou que esa empresa é unha prioridade da Xunta desde o primeiro día da responsabilidade do Goberno, e informou de que nela se levan investidos 270 millóns de euros desde o ano 2009, cantidade que chegou ata os 430 millóns co investimento do Estado dos Concellos. Avanzou ademais que o gasto previsto a curto prazo é de 118 millóns, dos que 91 millóns corresponderán á Xunta, sumando un total de 550 millóns investidos desde o ano 2009.

“Estou convencido de que, se seguimos así, Galicia acadará o saneamento integral das rías en plena crise económica”, sentenciou.

Carta de presentación turística

No seu discurso, o titular da Xunta apuntou que os grandes eventos deportivos e as cada vez máis frecuentes referencias ás praias e os portos galegos nas publicacións especializadas constitúen unha posibilidade inédita de proxección internacional que non debemos desaproveitar.

A ese respecto, sinalou que “as 127 bandeiras son a mellor carta de presentación para ofrecer esta Comunidade como opción turística atractiva”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia