Skip to main content

A Xunta patrocina ao piragüista David Cal para promocionar a Marca Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa acompañados do deportista David Cal anunciaron en Pontevedra a colaboración da Xunta de Galicia e mais o piragüista galego en accións de patrocinio publicitario para difundir a marca Galicia.

No acto estiveron presentes tamén representantes doutros patrocinadores do deportista como Amura ou Augas de Mondariz. David Cal, que en breve se trasladará a Brasil para realizar a tempada de entrenamento, agradeceu á Xunta de Galicia a axuda a través desta acción promocional. Do mesmo xeito, o secretario xeral para o Deporte sinalou que este patrocinio é unha oportunidade para Galicia porque “queremos que David abra un potencial mercado nun país emerxente como é Brasil, con 200 millóns de habitantes, que acollerá os Xogos Olímpicos de 2016 e mais a Copa do Mundo en 2014”.

David Cal Figueroa é o deportista español con máis medallas olímpicas, unha medalla de ouro e catro de prata en tres participacións nos Xogos Olímpicos (Atenas 2004, Pekín 2008 e Londres 2012). No seu haber conta ademais con outras medallas mundiais e europeas. A súa especialidade piragüística son as probas de 500 metros e de mil metros de canoa.

Como deportista galego atópase nunha situación inmellorable para promocionar Galicia mediante a publicidade que a través da marca se realizará nas numerosas regatas nas que participa.

Deste xeito, ademais de apoiar os actos organizados por Turismo de Galicia, sempre que a súa axenda deportiva llo permita, David Cal incluirá a imaxe corporativa establecida pola Xunta de Galicia durante as competicións oficiais –agás naquelas nas que participe como membro da selección española- nos seguintes soportes: licras de competición; roupa deportiva de rúa; piragua; fondo das rodas oficiais da piragua.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia