Skip to main content

Ourense súmase ao proxecto de cooperación transnacional Cafés de Europa

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero, recibiron no despacho da Alcaldía ao delegado xeral da Asociación Europea de Cidades Histórico Termais, Michael Thomas Pennette.

O Concello de Ourense forma parte do proxecto “Fontes de Cultura: os cafés de Europa”, proxecto de cooperación transnacional, coordinado pola Ruta de Vilas Termais do Macizo Central (Francia) e que engloba a todas aquelas cidades membro da EHTTA.

O proxecto foi seleccionado entre 476 solicitudes presentadas á convocatoria do programa europeo CULTURE 2007-2013, salientando a calidade do proxecto como elemento revitalizador e dinamizador urbano e estratexia cultural de desenvolvemento proactivo.

O proxecto, denominado SOURCE formalmente, quere celebrar as orixes dunha cultura termal común a toda Europa, compartida por aquelas cidades cuxos recursos termais son a principal causa da súa existencia e que recrean a efervescencia creativa e o diálogo daqueles “Cafés de Europa” (nome co que foi bautizada a cidade belga Spa, no século XVIII cando os intelectuais europeos discutían, entre as augas, os asuntos de actualidade) reinventándoos agora na era das Novas Tecnoloxías da Información.

Así mesmo, o proxecto quere contribuír a divulgar e dar a coñecer a existencia da EHTTA, das súas cidades membro e, por riba de todo, do Itinerario Cultural Europeo do que forman parte. Neste senso, un dos obxectivos é ampliar o número de socios con presenza nos distintos países de Europa.

Na primeira fase do proxecto levaranse a cabo unha serie de conferencias e debates en diferentes cidades termais de Europa. O Café en Ourense, celebrarase no mes de setembro baixo o título “Fontes espirituais, mananciais termais e a peregrinaxe hacia a espiritualidade”, centrado en examinar as conexións entre as peregrinaxes, pola importancia tradicional do Camiño de Santiago, e a vertente creativa do mundo termal.

O proxecto comprende 3 fases, a primeira, xa comentada, son os “Cafés de Europa” que será implementada por unha segunda fase “ Fontes de inspiración e creación” onde as vilas e cidades termais participantes, porán en común as súas actividades e festividades socioculturais que potencian o turismo; e finaliza cunha 3ª fase “Centro de recursos Europeo sobre o patrimonio termal”, que porá a disposición dos cidadáns un amplio fondo de documentación e consulta, en soporte físico e dixital, para achegar o mundo termal a veciños e veciñas.

Fontes de inspiración e creación

O proxecto, avalado pola Comisión Europea, conta cunha segunda fase de implementación, na que se levará a cabo a posta en común entre as vilas e cidades termais daqueles eventos culturais, lúdicos e artísticos, que contribúen a que as cidades nas que se celebran, vexan potenciada a súa relevancia e afluencia turística.

Esta fase recibe a nome, “Festivents” é, en primeiro lugar, un directorio online desta oferta cultural, localizado nunha plataforma dixital especialmente deseñada para este fin. A información alí depositada será filtrada por Michael Thomas-Penette, quen se encargará de darlle forma de relato, un fío conductor que vincule os lugares, os movementos artísticos, a historia europea das artes, o desenvolvemento dunha “cultura termal”, etc, calquera temática ou historia que poida ser relacionada dalgún xeito coas cidades participantes.

O curador será quen interprete e describa e busque conexións cos diferentes públicos e xeitos de presentación da información que sexa algo máis que unha simple lista ou folleto, aportando ademais un importante valor engadido europeo.

Os visitantes da plataforma terán a oportunidade de realizar unha viaxe por cidades e vilas que nunca imaxinou que puideran estar conectadas, descubrindo a cada paso algo máis sobre as tradicións europeas e os diferentes movementos artísticos. Un resumo de todos estes eventos publicarase cada mes de marzo coincidindo co día “Celebrando as Fontes” no mes de marzo, o día 22, “Día Internacional da Auga”, no que tamén terá lugar un día de “balnearios abertos”, similar ás Xornadas Abertas de Patrimonio Europeo, que servirá de reclamo a visitantes e veciños e veciñas para descubrir as augas termais.

A elaboración de novelas sobre estes temas e diarios ilustrados e creativos e a publicación do catálogo “Festivents” que resume as actividades festivas, lúdicas e culturais europeas, completan esta fase.

O Centro de Recursos Europeo sobre Patrimonio termal, mediateca sobre recursos termais

A terceira e última fase deste proxecto, comeza na vila de Vichy en Francia, que conta cunha mediateca sobre recursos termais que actualmente está en fase de ampliación, aspirando a convertirse no centro europeo de documentación do patrimonio termal, centralizando documentación, iconografía, adquisición de documentos, bibliografía e un website onde se atope dispoñible toda a documentación.

Dende Francia, recopilarán información de todas aquelas vilas e cidades que participan no proxecto xerando un completo fondo de documentación do que se poderá dispoñer dende calquera parte, estando dispoñible a través de internet, empregando as tecnoloxías da información para achegarse aos cidadáns.

A Ruta de Vilas Termais do Macizo Central será a encargada de coordinar o proxecto, que se desenvolverá entre maio de 2013 e maio de 2015. Os 10 coorganizadores son:
 A EHTTA - Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais
 A cidade de Bath (UK)
 A cidade de Acqui Termi (Italia)
 A cidade de Fiuggi (Italia)
 O Centro das Artes de Enghien-les-Bains (Francia)
 A Mediateca Valery-Larbaud en Vichy (Francia)
 A Oficina de Turismo de Royat-Chamaliéres, en colaboración coa asociación Il Faut Aller Voir, organizadores do festival “Rendez Vous” de postais de viaxe en Clermont-Ferrand, Francia.
 A Oficina de Turismo de Spa (Bélxica)
 A cidade de Ourense
 A cidade de Baden Baden (Alemaña)

Tamén actúan como socias, todas aquelas cidades membros da EHTTA, a Asociación Italiana de Vilas Termais (ANCOT) e a Asociación Asterion (Asociación para a Creación dunha Fundación de Centros Culturais Europeos).


Gabinete de Prensa do Concello de Ourense