Skip to main content

Aumenta un 7.7% o número de peregrinos que chegaron a Santiago no primeiro trimestre de 2013

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu ante a Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo. Na súa intervención, Castro recalcou que Galicia ten recibido neste primeiro trimestre de 2013 unha cifra de peregrinos que xa supera nun 7,7% a recibida no último Ano Santo 2010. No que vai de ano recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago un total de 9.416 peregrinos, fronte aos 8.691 que chegaran no mesmo trimestre de 2010. Se se ten en conta a cifra de peregrinos recibida no mesmo período do ano pasado, a porcentaxe de incremento ascende ao 42,26%, dado que se recibiran 5.437 peregrinos entre xaneiro e marzo de 2012.

Na súa intervención, Nava Castro resaltou os excelentes resultados rexistrados en Galicia no que respecta ao turismo internacional en 2012. O gasto total do turismo estranxeiro incrementouse nun 10% e nos aloxamentos regrados de Galicia a cifra de estranxeiros aloxados subiu un 2,5% e a de pernoitas subiu un 2,4%. “Trátase do máximo histórico rexistrado na comunidade nun ano non Santo”, explicou a directora de Turismo.

Nos hoteis e pensións de Galicia, os turistas internacionais medraron un 1,8%. No conxunto dos cámpings, casas de turismo rural e pensións a diferenza chegou ao 7,2% máis que en 2011. Con estes datos produciuse un incremento do peso do turismo internacional de 1,5 puntos, de modo que os turistas internacionais foron o 22,8% dos que nos visitaron. “Galicia é a comunidade que máis inviste en Turismo e o turismo internacional marcou máximos históricos”, explicou a directora.

A respecto dos indicadores turísticos, Nava Castro recalcou que Galicia é a primeira Comunidade do Camiño de Santiago e da España Verde en porcentaxe de incremento de viaxeiros aloxados nos apartamentos turísticos. “Entre 2011 e 2012 produciuse unha suba na cifra de viaxeiros do 22%”, dixo. “Neste parámetro somos a segunda Comunidade do Estado”, engadiu. Ademais, Galicia é a segunda comunidade da España Verde con mellores resultados na cifra de viaxeiros aloxados en establecementos de turismo rural.

Do mesmo xeito, Nava Castro destacou que a diferenza entre a cifra de turistas recibidos no 2011 e 2012 atópase na media do resto de comunidades polas que discorre o Camiño de Santiago. “Galicia é, despois de Navarra, a comunidade na que menos descendeu a cifra de turistas aloxados en establecementos hoteleiros”, dixo.

Na súa intervención a directora de Turismo abordou tamén as principais actuacións nas que se está a traballar desde o seu departamento como a posta en marcha da Axencia de Turismo de Galicia co obxectivo de conseguir eficacia, eficiencia e austeridade na xestión; o Plan Integral de Turismo de Galicia; o impulso ao Clúster de Turismo de Galicia; a consolidación da marca Galicia; a especialización para a captación do turismo internacional; a renovación da oferta formativa; o apoio a proxectos promocionais de carácter público-privado ou o desenvolvemento da Lei de Turismo a través dos decretos.

Ademais incidiu no traballo de organización dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación a Santiago de San Francisco de Asís; na campaña publicitaria para incentivar as visitas a Galicia; así como na presenza de Galicia en importantes eventos xeradores de fluxos turísticos como a Volta Ciclista a España.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia