Skip to main content

Turismo de Galicia organiza unha mostra sobre a camelia no Pazo de Fonseca

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou, en Santiago, a mostra sobre a Camelia que se poderá admirar o Venres Santo e o Sábado Santo, no Pazo de Fonseca. Trátase dun proxecto expositivo organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Sociedad Española de la Camelia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago, e que ten por obxecto poñer en valor a flor emblemática de Galicia como produto turístico. Na presentación, estiveron presentes tamén a concelleira delegada da Área de Economía, con competencias en Emprego, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán e a presidenta da Sociedad Española de la Camelia, Carmen Salinero.

Segundo explicou Nava Castro, trátase da segunda edición da Exposición ‘Camelia, flor de Galicia’, que permitirá aos visitantes que se acheguen, dende o venres 29 (á unha da tarde) ata o sábado 30 de marzo (ás nove da noite), polo Pazo de Fonseca contemplar máis de 200 variedades de camelia das mellores coleccións privadas de Galicia.

“Trátase dun espectáculo de beleza e cor difícil de ver noutros lugares de Europa e contará con especies de 25 coleccións privadas cultivadas polos amantes desta flor e que só se poden contemplar en ocasións coma esta”, dixo Nava Castro; logo de lembrar que, en Galicia celébranse anualmente un importante número de exposicións de camelia, sendo esta un caso excepcional por ter lugar en Santiago, en plena Semana Santa e no incomparable claustro do Pazo de Fonseca, ao carón da catedral, “a meta de todos os camiños”.

Como novidade, esta mostra servirá tamén de escenario para presentar unha pequena recompilación de pezas de artesanía galega, dun xeito orixinal e totalmente integrado na mostra entre as espectaculares camelias que se exhibirán. O obxectivo central deste proxecto expositivo é dar a coñecer un produto turístico que só posúe Galicia: a Ruta da Camelia. É por isto que nas inmediacións da exposición se instalará un punto de información turística de Galicia como destino en xeral e sobre esta ruta en particular. Do mesmo xeito, na tenda da universidade, venderanse produtos derivados desta especie floral como aceite de camelia, xabóns e artesanía con esta flor como motivo.

A camelia viaxou miles de quilómetros dende Oriente a Occidente ata chegar a un destino para quedarse, Galicia, o segundo lugar do mundo con máis especies de Camelia despois do Xapón.

Existen unhas oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de Camelias en Portugal, na Bretaña francesa ou no Norte de Italia, pero ningún destes lugares mencionados ofrece ao visitante unha variedade de especies de flor de camelia, de coleccionistas, de exposicións e de produtores de planta de camelia que se pareza a Galicia. En Galicia a árbore da Camelia atopou unhas excelentes condicións para o seu cultivo grazas aos chans ácidos, ben drenados, con certo grado de humidade ambiental e cunha temperatura idónea que fai innecesaria a utilización de invernadoiros.

Con estas características medrou nos xardíns galegos durante décadas. Nos pazos e xardíns galegos residen exemplares de diferentes especies coma a xapónica, reticulata, sinensis ou sasanqua, entre outras. Mesmo en Santiago poden admirarse exemplares de camelia na Alameda, dispersas pola zona da Ferradura. Ademais de no parque de Belvís, en San Domingos de Bonaval, no xardín da Praza de Fonseca, no Parlamento de Galicia, no pazo de San Lourenzo de Trasouto, no Campus Sur, na Rúa da Trinidade ou no Hostal dos Reis Católicos.

Segundo explicou a directora de Turismo, a camelia converteuse na flor insignia de Galicia e para moitos é o eixe vertebrador da súa actividade, principalmente para aqueles que dedican o seu tempo e esforzo ao seu cultivo que logo se exalta en varias exposicións. E precisou que “a Ruta da Camelia é única en Europa e dende Turismo de Galicia traballamos por difundila e promocionala”.

“Dende Turismo de Galicia somos conscientes de que a camelia forma parte do patrimonio histórico e botánico da xeografía galega e para dar a coñecer este símbolo de identidade aos nosos visitantes e turistas quixemos incluír a Ruta da Camelia nos Dez Produtos Cabeceira da Marca Galicia”, engadiu.

Para a posta en valor turística dos conxuntos botánicos galegos, dende Turismo de Galicia organizáronse en decembro e en febreiro cursos dirixidos á especialización de guías turísticos en materia dos conxuntos botánicos galegos. O obxectivo é conquerir que os guías especializados galegos poidan adquirir os coñecementos e destrezas oportunas para ofrecer información turística e realizar visitas guiadas de calidade, dotadas de contido rigoroso e específico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia