Skip to main content

Os novos fondos do Museo Massó inclúen pezas singulares da época romana

O Museo Massó da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar a súa colección co material procedente das escavacións arqueolóxicas realizadas en Pescadoira de Bueu, entre o que se inclúen numerosas pezas de gran valor datadas na época romana. Entre elas destaca o que se considera o único coitelo deste período atopado en Galicia que aínda conserva o mango de óso, que se empregaba na antiga salgadura.

Algunhas das pezas deste colección arqueolóxica que agora descansa no Museo Massó, e que foron atopadas nos terreos que ocupaba a antiga factoría conserveira de Alonso, son de extraordinaria calidade e, en conxunto, posúen un alto valor histórico e cultural. Ademais de polo volume, xa que conta con máis de dez mil fragmentos, esta colección arqueolóxica tamén é importante pola súa variedade e heteroxeneidade. Concretamente, está conformada por materiais de construción, industria lítica, vidros, moedas, metais, columnas e pola maioría dos grupos cerámicos característicos do mundo romano.

Os materiais foron presentados esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua; e pola directora do museo, Covadonga López de Prado, nunha rolda de prensa na que se deron a coñecer as principais actividades para 2013.

As primeiras pezas arqueolóxicas do Museo Massó

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, coa recepción destas pezas o Museo Massó estréase como depositario dos materiais arqueolóxicos da bisbarra, “polo que pasa a incorporarse ao sector dos museos arqueolóxicos, dada a importancia tanto cualitativa como cuantitativa destes fondos”.

Tamén recordou Anxo Lorenzo o labor de revisión do material levado a cabo por alumnado da Universidade de Santiago de Compostela –no marco dun convenio de colaboración entre esta institución e a Xunta de Galicia–, así como o traballo dos estudantes na reconstrución dalgunhas pezas de cerámica.

“O indubidable interese museográfico das pezas –afirmou a directora xeral de Patrimonio Cultural– achega unha nova visión sobre a exposición permanente do museo e o seu programa de difusión”. Unha pequena unidade expositiva deste xacemento xa foi incorporada ao discurso expositivo coas pezas máis destacadas, entre elas os fustes de columna, o coitelo, diversas moedas, dúas pezas de cerámica e unha pesa de pedra para o prensado do peixe, idéntica ás procedentes da fábrica Massó.

Nas orixes da industria da salgadura

Os materiais procedentes do xacemento de Pescadoira supoñen unha achega moi importante, xa que permiten situar en época romana a orixe da industria da salgadura en Bueu. Unha actividade económica que terá continuidade como actividade económica principal deste enclave co establecemento das fábricas de salgadura dos cataláns a finais do século XVIII e principios do XIX. Este é precisamente o momento ao que pertence a fábrica de salgadura dos Massó, sede do actual museo.

Próximas actividades do museo

Durante a rolda de prensa tamén se presentaron as principais iniciativas que impulsará o Museo Massó nos próximos meses. Para este ano, o museo seguirá promovendo unha importante actividade, a través de novas iniciativas e tamén de proxectos consolidados que contan cunha boa acollida entre o público.

Entre as novidades, o museo está a preparar unha exposición temporal sobre a figura do máis novo dos irmáns Massó, Antonio Massó, co obxectivo de dar a coñecer a súa achega á empresa familiar. O museo tamén retomará este ano a adquisición de fondos, que permitirán ampliar a colección do museo con pezas únicas e de gran valor, e acometerá a segunda fase do seu plan museolóxico, na que se determinarán as necesidades arquitectónicas para garantir un funcionamento adecuado do centro.

Novos formatos para a difusión de contidos

Ademais, para dar a coñecer os novos contidos da súa colección permanente, así como para achegar o museo a todos os públicos, porase a disposición da cidadanía novo material impreso e audiovisual. Tamén se elaborarán dúas producións multimedia para facer máis accesibles e atractivos os contidos do museo, tanto para os visitantes como para os usuarios a través da rede. Finalmente, o Museo Massó daralle continuidade a iniciativas que contan cunha excelente acollida, como é o caso das singraduras didácticas en barco pola ría.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia