Skip to main content

O xornal británico The Independent interésase pola oferta turística galega

Durante esta semana, o xornalista do diario británico The Independent, Michael Webb percorre a nosa comunidade na busca de datos e experiencias para a realización dunha reportaxe para o seu medio sobre as singularidades do destino Galicia e as súas posibilidades de vacacións. Trátase dunha viaxe de prensa organizada en colaboración con Turismo de Galicia para promocionar o destino no mercado británico.

O obxecto da viaxe é facer unha xira pola comunidade na que vivir experiencias turísticas centradas basicamente nos aspectos culturais e tamén na enogastronomía propia da comunidade galega.

Esta previsto que a reportaxe se publique a comezos do vindeiro verán no suplemento que se edita os sábados e que len habitualmente 500 mil lectores.

Durante a súa estadía na Comunidade galega, o xornalista de The Independent Travel visitará os xeodestinos Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Terras de Santiago, Ría de Arousa e Ría e Terras de Pontevedra.

Nestas áreas específicas, Michael Webb percorrerá a cidade da Coruña, realizará o tramo do Camiño Inglés entre Fene e Pontedeume. Visitará tamén Santiago de Compostela, Cambados, Combarro (Poio) e a cidade de Pontevedra.

Polo que respecta aos produtos turísticos que se abordarán na reportaxe figuran referencias as cidades galegas, ao Camiño de Santiago, á gastronomía específica das zonas que percorre o xornalista e tamén aos aspectos ligados ao patrimonio cultural materia e inmaterial das áreas que o xornalista especializado visitará durante o seu traballo en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia