Skip to main content

Turismo de Galicia potencia a creación do Museo Físico da Auga en Mondariz

O Balneario de Mondariz acolleu a presentación do Museo Virtual da Auga que se enmarca no proxecto Aquaturnat, un traballo conxunto que foi convidado a expoñerse no Comite de Rexións da Unión Europea en 2011 sendo cualificado como “exemplo de colaboración público-privada”.

Durante este ano 2013 celébrase o Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga a través do que a comunidade internacional recoñece a importancia do uso e a xestión pacífica e sostible dos recursos hídricos. A importancia da cooperación en materia de auga baséase no feito de que a auga é un tema transversal que ten a capacidade de establecer fortes vínculos entre as nacións, os Estados e as comunidades.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro na súa intervención durante a presentación do Museo Virtual da Auga, o turismo é un sector fundamental á hora de establecer sinerxias e a utilización axeitada dos recursos dispoñibles pode xerar un importante reequilibrio territorial e un potente efecto dinamizador do territorio. “A Xunta de Galicia é moi consciente desta realidade e é por isto que Galicia é, a día de hoxe, a comunidade española que máis aposta polo Turismo”, resaltou.

Nava Castro explicou tamén que a presentación do Museo Virtual del Agua no marco do proxecto Aquaturnat dentro dol Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal, cofinanciado pola Unión Europea cuxas propostas se centran na recuperación medioambiental e o aproveitamento turístico sostible é para Turismo de Galicia unha boa noticia que queremos acompañar co compromiso de creación do Museo Físico da Auga, que esperamos se converta nun referente do aproveitamento turístico vinculado aos recursos acuícolas e que dinamice e complemente a oferta turística da zona.

Turismo de saúde e benestar

A directora de Turismo explicou que houbo un tempo no que os balnearios galegos adquiriron gran relevancia como axentes creadores dunha imaxe de Galicia cara ao exterior que se apoiaba na beleza da paisaxe, na bondade dos produtos naturais e na súa oferta cultural e tamén de destino saudable. “Esa imaxe ten que recuperarse porque forma parte da identidade de Galicia como destino turístico”, comentou Nava Castro. A directora de Turismo tamén incidiu na cultura da auga moi arraigada na nosa comunidade e que conforma non só a paisaxe senón tamén boa parte dos recursos da nosa oferta turística.

Tamén resaltou que a natureza é “a primeira motivación pola que os turistas nos visitan e temos que facer o posible para conxugar a explotación turística coa sostenibilidade ambiental”. Galicia representa o 20% do conxunto das instalacións termais existentes en España. É a primeira Comunidade Autónoma en balnearios e a quinta en talasos. Galicia conta con 21 centros de balneoterapia que ofertan 2.862 prazas, boa parte delas da categoría de 4 ou 5 estrelas. O sector xera un volume de negocio en torno aos 60 millóns de euros e máis de 1.400 empregos directos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia