Skip to main content

Galicia e India exploran a posible colaboración en aprendizaxe de linguas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu a unha delegación conformada por representantes de organizacións de India para abordar as posibilidades de colaboración entre Galicia e India, en especial nas áreas de aprendizaxe de linguas, formación profesional e programas educativos europeos.

No encontro participaron ademais o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado Manuel Vila, Amador Ordóñez, profesor do IES Ribeira do Louro que na actualidade coordina varios proxectos europeos; e o director da Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense, César Taboada. A delegación da India estivo conformada polo vicedirector e responsable de Asuntos Económicos e Política da Cámara de Comercio da India en Calcuta, Souvik Banerjee; e Bajrapani Biswas e Pransun Chatterjee, expertos no mercado internacional entre España e India.

Durante a reunión analizáronse as distintas posibilidades de colaboración no eido da formación do profesorado fundamentalmente para os docentes de lingua estranxeira, así como o profesorado de formación profesional nas familias do Comercio Internacional, a Hostalaría e Turismo, Enerxías Renovábeis e TIC.

Así mesmo, fíxose un percorrido polas oportunidades de mobilidade de alumnado e profesorado que ofrecen os proxectos internacionais dentro do marco do novo programa da Comisión Europea ‘Erasmus for All’. Dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente abordáronse diferentes iniciativas, especialmente de aprendizaxe de linguas e desenvolvemento de programas interculturais con India.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia