Skip to main content

Turismo de Galicia, marca modelo de desenvolvemento estratéxico estatal

Turismo de Galicia presenta a estratexia relacionada co desenvolvemento da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? dentro do foro Creación e deseño de produtos turísticos, organizado polo Instituto de Turismo da Rexión de Murcia, e no que participarán ademais representantes do propio Instituto murciano,Turespaña e Exceltur.

Deste xeito, a estratexia galega para a creación e desenvolvemento da marca turística será o modelo a analizar neste foro.

Turismo de Galicia participa neste encontro turístico, no que tamén interveñen responsables da Subdirección de Desenvolvemento e Sustentabilidade e mais da vicepresidencia executiva de Exceltur.

Produtos cabeceira de marca

A aportación de Turismo de Galicia centrarase na explicación da creación dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia e mais no repaso ao proceso de creación da marca.

A finais do ano 2010, Galicia presentou a súa nova marca turística, Galicia, gárdasme o segredo? e, unha vez introducida nos distintos mercados turísticos, entre os anos 2011 e 2012 desenvolvéronse os 10 produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Faros e praias salvaxes, Turismo mariñeiro, Bosques de Galicia, Paseando entre viñedos, A ruta da camelia, Patrimonio oculto, Santuarios máxicos, Mananciais de Galicia e Lugares únicos.

Na actualidade, estanse a desenvolver as experiencias –paquetes turísticos- que emanan dos dez produtos turísticos cuxo proceso de creación rematará nos vindeiros meses.

Os compoñentes básicos nos que se sustenta a marca do Turismo de Galicia poden explicarse dividíndoos en elementos racionais –espazo natural, patrimonio, xente acolledora, gastronomía e outros- e elementos emocionais –autenticidade, aire de misterio, espiritualidade, maxia, acougo e outros-.

Así, con estes atributos, creouse a marca Galicia, gárdasme o segredo?, da que parten os dez produtos enumerados anteriormente elaborados para que sirvan como “estratexia principal de diferenciación para o destino turístico, para que valoricen a imaxe de Galicia e potencien a afluencia e permanencia de turistas no territorio, especialmente en tempada baixa, incrementando os ingresos da actividade turística”.

Entre a información facilitada por Turismo de Galicia para este encontro tamén se recollen as etapas que levaron á creación de cada un destes produtos turísticos, relacionadas coa súa caracterización, a súa configuración e a promoción e comercialización dos mesmos. Así como as experiencias que xa se comercializan a través da web do Turismo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia