Skip to main content

O camiño mozárabe a Santiago, no novo traballo do escritor Jesús Sánchez Adalid

O xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso, asistiu á presentación organizada por Turismo de Galicia do novo libro sobre a Ruta Xacobea de Jesús Sánchez Adalid, titulado El Camino Mozárabe, e editado por Martínez Roca. A presentación tivo lugar na sala Cimabue do Hotel Monumento San Francisco, tras a que o autor asinou exemplares da súa obra ao público asistente.

Durante o acto de presentación, Paz Gestoso destacou que está seguro de que as obras de Sánchez Adalid non son en absoluto alleas ao actual éxito internacional do Camiño Mozárabe. “É unha das rutas xacobeas que en relación directa co seu punto de partida máis ten medrado e, ademais, cunha inusitada diversidade de afluencia, dende os cinco continentes”, explicou Paz Gestoso. E engadiu que ten “especial éxito entre os australianos e que hoxe é a vía cultural que mellor representa o espírito de encontro entre o Sur e o Norte de España”.

O xerente do Xacobeo tamén quixo resaltar o agradecemento por parte da Administración Turística galega a Sánchez Adalid polo “seu amor á cultura xacobea e ao Camiño de Santiago”, así como por “ter escollido Santiago de Compostela para a presentación da súa nova obra literaria”.

A obra de Sánchez Adalid desenvólvese no século X ao longo do Camiño Mozárabe e incluso conta cun mapa da ruta. Este Camiño transcorre por varias vías en Andalucía e en Mérida conflúe coa Vía da Prata, polo que xa foi presentada previamente en Andalucía e Estremadura e tamén onte mércores en Ourense, onde o acto estivo organizado pola Asociación de Amigos do Camiño da Vía da Prata-Camiño Mozárabe de Ourense.

A oportunidade deste libro ven dada pola promoción que está a ter esta ruta xacobea, como o demostra a recente presentación en Fitur da súa delimitación oficial en Andalucía e a restauración, dotación de infraestruturas e sinalización que nesa comunidade autónoma están a realizar, ou o congreso monográfico que se celebrará en Mérida no mes de outubro.

Esta última novela de Jesús Sánchez Adalid chega doce anos despois do seu grande éxito El Mozárabe, tamén con referencias xacobeas e que se converteu nun dos maiores éxitos editoriais de España e moitos outros países, vendéndose máis dun millón de exemplares e erixíndose xa nun dos principais referentes da novela histórica.

El Camino Mozárabe transcorre por ese escenario xacobeo ao longo do século X e con lendarios episodios como a batalla de Simancas, onde Abderramán perdeu o seu precioso exemplar do Corán; a perigosa misión que leva a cabo a raíña Goto, viúva do derradeiro rei de Gallaecia para rescatar as reliquias de San Paio de terra infiel, ou as misións diplomáticas das embaixadas de Abderramán III e do rei Radamiro que se cruzan nunha ruta presa de guerras e batallas dende tempos inmemoriais. Na novela recréanse a Córdoba do Califato e a Galicia medieval en torno a esa vía que uniu o norte e o sur e que se coñece hoxe como Camiño Mozárabe.

Un verdadeiro autor de ‘bestsellers’

Jesús Sánchez Adalid, un dos referentes europeos da novela histórica actual, naceu en Don Benito, Badaxoz, en 1962. Licenciouse en Dereito pola universidade de Estremadura e tras exercer durante dous anos como xuíz ordenouse sacerdote para converterse en párroco dos pobos estremeños de Alange e máis tarde de Azuaga. A súa comunidade natal outorgoulle en 2007 a súa máxima distinción, a medalla de Estremadura, tras recibir o premio de novela Fernando Lara pola súa novela El alma de la ciudad. Tamén recibiu o premio de novela histórica Alfonso X el Sabio o pasado ano 2012 por “Alcazaba”. Ademais de polo seu valor literario, as súas obras destacan pola súa labor divulgativa. Están ambientadas en territorios recoñecibles e maxistralmente descritos e a época na que transcorren aparecen explicadas detalladamente e de xeito científico. Entre os seus libros destacan os seguintes: El Alma de la Ciudad, El Cautivo, En compañía del sol, Félix de Lusitania, La Luz del Oriente, El mozárabe, La sublime puerta, La tierra sin mal, El caballero de Alcántara, Los milagros del vino, Galeón y Alcazaba. Todas elas foron auténticos bestsellers con millóns de copias vendidas en diversos idiomas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia