Skip to main content

Turismo de Galicia participa en abril no foro cultural mexicano de Guanajuato

A secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro Domínguez, acompañada do xerente do Xacobeo, José Paz, recibiu nas dependencias da Secretaría Xeral para o Turismo ao secretario de Turismo do Goberno do Estado mexicano de Guanajuato, Fernando Oliveira Rocha.

O responsable turístico mexicano convidou á secretaria xeral para o Turismo a participar no Foro de Turismo Cultural que organiza a capital estatal de xeito bianual. O secretario de Estado de Turismo de Guanajuato, trasladou á responsable da Admnistración Turística Galega o seu interese por contar coa presenza de Galicia e do Camiño de Santiago na vindeira edición do foro, que se celebrará en abril, para aportar a experiencia de desenvolvemento turístico da Ruta Xacobea así como os avances no desenvolvemento do produto turístico termal en Galicia.

O secretario de Estado asistiu ao encontro coa responsable da Administración Turística galega acompañado da subsecretaria de Promoción Turística do Goberno, Gloria Magaly; do director xeral de Desenvolvemento Turístico, Omar Murillo; do director de Produtos Turísticos, Guillermo García e mais da Encargada de Giras do Secretario de Turismo, Liliana Aguilera. Ademais asistiron o alcalde de San Miguel de Allende, Mauricio Trejo; e mais o alcalde de Dolores Hidalgo, Adrián Hernández.

O obxectivo do encontro foi intercambiar experiencias sobre a conceptualización do Turismo Relixioso e as Cidades Patrimonio da Humanidade, como Santiago de Compostela, Guanajuato e San Miguel de Allende.

Turismo relixioso

Na reunión, Castro e Oliveira abordaron aspectos relacionados co desenvolvemento turístico do Camiño de Santiago como exemplo dun know how que ten Galicia e que é exportable a outras comunidades ou rexións. Nava Castro incidiu na importancia de que para facer dunha ruta relixiosa ou cultural un produto turístico cómpre “dar prioridade absoluta á protección da contorna, protexer a ruta e preservar o seu trazado, o seu patrimonio e a súa paisaxe, así como dotala das infraestruturas e equipamentos necesarios, sinalizar correctamente e velar pola seguridade dos camiñantes”.

A delegación mexicana amosouse interesada en coñecer as peculiaridades da Ruta Xacobea; as cifras de visitantes que xera; a influencia económica no contorno; a repercusión internacional e as motivacións dos camiñantes á hora de percorrela; así como as características da certificación e a colaboración coas institucións relixiosas. Do mesmo xeito, os responsables da Administración Turística galega resaltaron a simbiose entre a oferta pública de aloxamento e a oferta privada que se dá no Camiño de Santiago, así como o efecto dinamizador do mesmo. Así mesmo, o xerente do Xacobeo recalcou tamén a importancia da existencia das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago por todo o mundo, que serven de “importante ferramenta de promoción, conservación e difusión do culto e a cultura xacobea”.

O responsable estatal de Turismo de Guanajuato resaltou a importante riqueza cultural do seu Estado e o feito de contar con recursos moi singulares como os Pobos Máxicos; as rutas de artesanía; as rutas mineiras ou unha ruta de peregrinación a través de mosteiros e cenobios. Ademais de contar cunha rica gastronomía, Guanajuato conta con importantes recursos termais, se ben, seguno explicou a delegación, están en pleno desenvolvemento da súa explotación turística.

Guanajuato é un dos 31 Estados que, xunto co Distrito Federal, conforman as 32 entidades federativas de México. Situado a 5 horas do D.F., conta con 46 muncipios, sendo o máis poboado León. O turismo é a principal actividade económica do Estado, segundo explicou o secretario de Turismo, e supón o 9,4% do seu Produto Interior Bruto. Guanajuato conta con importantes xoias coloniaias e zonas arqueolóxicas; a capital e as súas minas son dende 1988 Patrimonio da Humanidade. Ser a principal cidade colonial do país valeulle varios títulos como o de Capital Cervantina de América, Capital Mundial do Patrimonio Cultural, Cuna Iberoamericana del Quijote e sede do Festival Internacional Cervantino.

A capital do Estado, tamén chamada Guanajuato, ten sido peza clave na independencia de México e trátase dunha cidade cultural de primeira orde grazas á multitude de eventos programados polo feito de ser unha cidade universitaria.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia