Skip to main content

Promociónase a Terra Chá nos paquetes temáticos de Turgalicia en Fitur

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou en Fitur nos actos promocionais da capital lucense e da Terra Chá, nos que incidiu na necesidade de “estar nesta feira para mostrarse ao exterior, xa que é a terceira en relevancia mundial do seu sector”. Ambos eventos de promoción tiveron lugar esta mañá no stand habilitado pola Xunta para albergar a difusión turística de Galicia.

A delegada subliñou a destacada presenza que “tanto a capital como a comarca da Terra Chá teñen nos paquetes temáticos cos que Turgalicia nos mostra ao mundo”, no primeiro caso máis centrados no patrimonio arquitectónico da cidade e no segundo orientados a descubrir a riqueza do seu patrimonio natural.

Ao respecto, Raquel Arias lembrou que a Muralla de Lugo figura no “Top ten” dos reclamos galegos, “ocupando un lugar máis que merecido entre os dez lugares únicos que Turgalicia sinala na súa páxina en internet, a principal web de turismo de Galicia”

Ademais. a aposta da Secretaría Xeral para o Turismo sitúa a Lugo xunto coas outras sete cidades galegas nun paquete único para o viaxeiro que gusta da arte a cultura nunha cidade cómoda de percorrer, chea de historia e chea de secretos gastronómicos por descubrir.

“Lugo é unha cidade con moito que ofrecer non só para o turista que busca cultura –afirmou Arias- senón para o que quere aproveitar para disfrutar das animadas rúas do noso casco histórico, do río Miño e as súas ribeiras, ou dos mellores produtos do campo e do mar coa nosa variada gastronomía”-

A delegada lembrou que, como parte da reserva da Biosfera das Terras do Miño, Lugo e a Terra Chá teñen moito potencial por descubrir, “no que abunda a auga e as zonas húmidas de alto valor ecolóxico”. En concreto, lembrou os lugares de importancia comunitaria Serra do Xistral, Parga Ladra e Támoga e o Miño Neira, e a lagoa de Cospeito “que son secretos agardando ser descubertos”, apuntou.

Ademais, engadiu, “os sendeiros da Terra Cha, os camiños de Santiago, os muíños de Poñente e de Nacente a Ruta da auga de Guitiriz invitan ó camiñante a perderse pola terra cha e encontrar en calquera dos seus recunchos a mellor cociña na que saciar o apetito do camiño”.

A experiencia Bosques de Galicia e a ruta polos mananciais de Galicia –con protagonismo propio para as terras chairegas e as augas de Guitiriz, onde o termalismo cobra vital importancia-, xunto co Camiño do Norte e o Camiño Primitivo, “son destinos polos que a Secretaría Xeral para o Turismo aposta en Fitur para ensinar parte das belezas que agardan aos viaxeiros que se acheguen a Lugo e á Terra Cha”, concluíu Arias.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia