Skip to main content

Preséntanse os resultados do proxecto pioneiro A Alma da Artesanía da Mariña

A secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, acompañada da delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias e mais da responsable da Área de Feiras de Turgalicia, Gracia López, recibiu en Santiago ao presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Alfonso Fuentes; á representante do Grupo de Traballo de Artesáns da Mariña, Lucía Fernández Catuxo; e mais á representante do colectivo de empresarios turísticos da zona, Ana Fernández Guerreiro.

O obxectivo deste encontro foi presentarlle á secretaria xeral os resultados acadados coa iniciativa posta en marcha por este colectivo que aglutina a entes públicos e a representantes do sector privado, como os empresarios turísticos e o colectivo de artesáns da zona. Neste senso, o proxecto, que leva por título A alma da Artesanía. A Mariña Lucense resulta ser pioneiro na nosa comunidade no tocante ao traballo conxunto e á colaboración público-privada nunha iniciativa de dinamización e desenvolvemento turístico e industrial deste xeodestino lucense.

Segundo explicaron os responsables do mesmo, o proxecto consiste na creación dun produto turístico conformado en base aos produtos e obradoiros artesanais máis característicos da Mariña Lucense, de xeito que os visitantes coñeza, interactúen e disfruten do proceso produtivo artesanal e da cultura local. Involucra a 16 municipios, 24 artesáns e 9 casas de turismo rural.

Entre os resultados obtidos figuran a creación dun catálogo das rutas da artesanía, un mapa de situación dos artesáns na Mariña Lucense; a creación dunha web que contén 9 vídeos documentais de artesáns ou a creación dun espazo web de comercialización e o deseño de seis paquetes de un día e de dous de fin de semana.

Outra das iniciativas innovadoras incluídas no proxecto que hoxe lle presentaron a Nava Castro e que xurdiu dentro de A Alma da Artesanía figura a organización de obradoiros e grupos de traballo prácticos dirixidos a turistas e viaxeiros para que estes poidan experimentar en primeira persoa o singular proceso creativo.

O proxecto A alma da Artesanía será presentado na vindeira edición de Fitur, a Feira de Turismo de Madrid, que se celebrará na capital de España entre os días 30 de xaneiro e 3 de febreiro.

Está previsto que o proxecto sexa presentado en breve na Mariña Lucense pola secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia