Skip to main content

Turismo promove un "workshop" sobre xeodestinos para axentes de viaxes

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, celebrou no Hostal dos Reis Católicos de Santiago unha xornada técnica dirixida aos axentes de viaxes maioristas de Galicia e mais aos técnicos de turismo que traballan nos diferentes territorios turísticos galegos que foron zonificados en xeodestinos.

A directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, foi a encargada de inaugurar esta xornada na que explicou que o mapa dos xeodestinos de Galicia distribúe xeograficamente os nosos recursos e a oferta turística en 14 áreas, para optimizar a súa posta en valor. Este mapa recolle as singularidades dos territorios, recoñecendo as áreas cunha impronta turística consolidada e abrindo espazos para o futuro turístico das que ata o de agora estiveron menos desenvolvidas. Deste xeito, se territorializa, optimiza e homoxeiniza a oferta, de cara a promocionala e comercializala turísticamente do modo máis eficiente posible.

Segundo resaltou Pita, “os xeodestinos son unha ferramenta de promoción que supón un pulo ao turismo experiencial, especializado e de calidade, e representan un salto cualitativo e necesario á hora de entender o turismo desde o territorio, enriquecendo a singularidade e a diferenza de Galicia como multidestino”.

A xerente de Turgalicia comentou na súa intervención que o impulso desta nova ordenación ten por obxectivo incentivar o aumento da estadía media dos visitantes á Comunidade, ao comunicar a mensaxe de que Galicia ofrece varios destinos nun territorio.

Pero, segundo dixo, “por riba de todo, trátase de unificar esforzos e establecer canles de cooperación cos axentes públicos e privados a prol de racionalizar os investimentos e recursos, de cara a realizar a mellor promoción posible”.

No seu relatorio, a xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia explicou que “a Administración Turística de Galicia traballa para que cada xeodestino saliente as súas vantaxes e impulse aqueles aspectos nos que realmente poden ser competitivos, ofrecendo produtos singulares a partir dos seus recursos”.

Turgalicia promoveu hoxe este encontro entre os representantes dos xeodestinos e o sector da intermediación turística de Galicia; un foro onde presentar os produtos turísticos desenvolvidos en cada un dos xeodestinos para a súa incorporación nos canais de comercialización turística.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia