Skip to main content

Incentívase a desestacionalización turística coa campaña Vive Galicia

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, puxo en marcha unha campaña para incentivar a desestacionalización e o consumo turístico a través do programa Vive Galicia, un conxunto de paquetes que inclúen experiencias turísticas para gozar por toda a Comunidade Autónoma.

Turismo de Galicia quere difundir as posibilidades que ofrece o programa Vive Galicia para a práctica do Turismo na Comunidade Autónoma, tanto na tempada alta como nas épocas de menor demanda, como neste caso.

Deste xeito, Turgalicia realizará un concurso para sortear a través da súa páxina de Facebook e outros sitios da Internet un total de 1.887 paquetes Vive Galicia que se poderán gozar, na súa maioría antes do 22 de marzo. Existen tamén paquetes que se poderán gozar entre os meses de primavera e verán, xa que inclúen visitas a illas ou transporte en barco.

Paquetes

Para difundir as posibilidades que ofrece o programa Vive Galicia sortearanse na Internet 52 tipos de experiencias, de varios paquetes cada unha para dúas persoas, nas categorías ofertas especiais, estancias e escapadas para amantes da natureza, estancias e escapadas para amantes da cultura, estancias e escapadas para xente activa, estancias e escapadas en Turismo de saúde e benestar, estancias e escapadas relacionadas coa enogastronomía e estancias e escapadas de golf e saúde.

Para catro persoas, está previsto o sorteo de dous tipos de experiencias que inclúen varios paquetes dentro da modalidade estancias e escapadas.

No ámbito de grupos, para 10 persoas está previsto o sorteo de varios paquetes de dúas experiencias, encadradas tamén no eido estancias e escapadas.

Por último, sortearase un paquete para 12 persoas dunha experiencia relacionada coa apartado estancias e escapadas.

Participación

Este concurso desenvólvese na Internet e nel poderán participar os usuarios de Facebook, a través da conta: https://www.facebook.com/Turgalicia, e os usuarios da rede en xeral, que poderán participar a través dun site especifíco ao que se accederá desde a páxina web de Turgalicia: www.turgalicia.es

Os participantes teñen de prazo ata o día 28 de decembro de 2012 para inscribirse e para isto, deberán responder dez preguntas relacionadas co destino turístico Galicia. Logo, elixirán o seu paquete e entrarán nun sorteo que realizará Turgalicia antes do día 5 de xaneiro de 2013.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia